Roma no Finis Terrae é un proxecto de investigación que busca afondar no coñecemento sobre a presenza do exército romano nos confíns do continente europeo, na actual provincia da Coruña.

Con este fin, escavamos dous importantes xacementos: o castro e campamento de Santa Baia (A Laracha) e a fortificación de O Castrillón (Touro).

Nesta web podes coñecer os materiais de divulgación que construímos a partir dos resultados das intervencións.

O proxecto foi financiado pola Deputación da Coruña e dirixido desde a Universidade de Salamanca, coa participación de Tempos Arqueólogos e o colectivo de investigación romanarmy.eu.

Neste episodio do noso podcast, contámosche os principais achados das campañas arqueolóxicas de 2023.

Coa participación de José Manuel Costa-García, Francisco Alonso Toucido. Condución de Manuel Gago e produción sonora de Jorge Lama.

“As novas tecnoloxías permítennos localizar xacementos que ata o momento estaban ocultos e comprender mellor como foi a conquista romana de Gallaecia”

O Castrillón

Unha enigmática fortificación, inédita ata o momento, situada nun alto sobre un pequeno río e ao pé do importante castro do Coto de San Sebastián.

Parroquias de San Xoán de Fontes Rosas e Santa María de Loxo (Touro).

Castro e campamento de Santa Baia

Este campamento é, ata o momento, o recinto fortificado romano situado máis ao noroeste da actual Galicia. Localízase no territorio ocupado por un dos pobos galaicos máis mencionados nas fontes clásicas, os ártabros, e non moi lonxe da antiga Brigantium. Santa Baia constitúe un excelente caso de estudio para analizar a relación espacial entre campamentos romanos e castros indíxenas, xa que ten o caso único en Europa de conter unha fortificación anterior, da Idade do Ferro, no seu interior.

Parroquia de San Pedro de Soandres (A Laracha)

OS RESULTADOS

Visualizar o invisible.

A través dunha combinación de ilustracións artísticas elaboradas por Alberto Taracido e recreacións tridimensionais hipotéticas da man do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) a partir de modelos dixitais tanto dos xacementos como das sondaxes realizadas polo equipo de traballo, apostamos por achegar á cidadanía dun xeito visual os resultados da investigación en xacementos arqueolóxicos efémeros e cunha cultura material moi limitada.

Podes explorar estes materiais de divulgación en cada unha das seccións dedicadas aos xacementos que presentamos.

Arqueoloxía aberta á cidadanía

As intervencións arqueolóxicas leváronse a cabo nos meses de verán e outono de 2023. Os proxectos foron comunicados a través das redes sociais de romanarmy.eu e contaron con visitas guiadas para a veciñanza de A Laracha, Touro e visitantes de toda Galicia.