Romper a baralla: o Outeiro de Arnás, un novo castellum militar romano

Pois o prometido é débeda. Como vos contabamos no post anterior, traballamos na prospección en aproximadamente algo menos da metade do recinto fortificado do Outeiro de Arnás. Unha vez recoñecido o perímetro e a interesante estrutura da fortificación, con alomenos dúas zonas máis elevadas de control -unha delas un posible torreón-, comezou o momento de mirar para a terra.

Fíxose unha prospección xeomagnética na que se documentaron posibles evidencias. Cada unha delas foi coidadosamente xeorreferenciada con un GPS submétrico e a partir de aí fixemos oito sondeos aleatorios, seleccionando os lugares onde os datos recuperados apuntaban a unha maior densidade de achados.

E aconteceu algo magnífico: un tipo de evidencia perfectamente conectable cun horizonte cultural e cun contexto concreto. Pensemos un momento: que rastro pode deixar unha pequena unidade militar -de calquera época- acantonada nun lugar durante un breve espazo de tempo. Imaxinémonos, antes de seguir, cal é o rastro que deixamos de nós mesmos nun camping cando nos marchamos, e canto sobrevivirá ese rastro. Agora imaxinade seguir ao pasado e tentar ver o que aconteceu nun sitio de ocupación moi concreta e breve como debeu ser o Outeiro de Arnás. Que pode quedar dos seus ocupantes despois de centos de anos? Pois quedou isto:


Foto: MatthiasKabel/Wikipedia

Un dos elementos máis significativos dos lexionarios romanos son as súas caligae, as míticas sandalias “todoterreo”, moi fortes, coas que os continxentes militares percorreron medio mundo coñecido. Estas sandalias estaban fortalecidas, na súa zona inferior, por cravos ou chatolas que permitían unha maior resistencia do pé e un menor desgaste dos materiais. Perdíanse con moita frecuencia, así que os soldados recibían con frecuencia “provisións” de cravos para a súa reposición. A diferencia dunha arma, algo valioso e escaso, ou da cerámica -escasa, xa que eran asentamentos moi breves ou de campaña, os cravos das sandalias dos lexionarios son un excelente marcador en toda a península non só para identificar a presenza romana en recintos mesmo, nalgúns casos, para chegar a propoñer hipóteses de como se realizaron avances das columnas romanas durante asedios a recintos indíxenas.

Na zona prospectada do Outeiro de Arnás un 20% dos materiais recollidos son romanos: chatolas de sandalias militares. Como curiosidade, dicirvos que a proporción noutros recintos campamentais nos que intervimos no ano pasado (campamentos de Cueiru e El Xuegu La Bola en Asturias) é dun 10% de todas as evidencias localizadas, inferior ao que pasa aquí. Aquí están algúns exemplos das que nós atopamos no Outeiro de Arnás.

Fotos: Erik Carlsson-Brandt

Nesta ligazón podes saber máis sobre os chatolas das caligae como indicador arqueolóxico da presenza militar romana:

RODRÍGUEZ MORALES, Jesús, et al. (2012): “Los clavi caligarii o tachuelas de cáliga: elementos identificadores de las calzadas romanas”. Lucentum, 31: 147-164. [consultar pdf]

FERNÁNDEZ IBÁÑEZ, Carmelo (2006). “Post vestigium exercitus. Militaria romana en la región septentrional de la Península Ibérica durante la época altoimperial”. En Ángel Morillo (ed.), Arqueología militar romana en Hispania. Producción y abastecimiento en el ámbito militar. León: Universidad de León, 257-308. [consulta pdf]

Así que analizando os vestixios defensivos do Outeiro de Arnás e as evidencias físicas localizadas, podemos avanzar unha conclusión preliminar, que posteriormente se matizará coa investigación en laboratorio: estamos ante un castellum romano, unha pequena fortificación militar, nunha zona na que ata o momento non se localizara presenza romana deste tipo.

Que son os castella?

No mundo romano, dentro das diferentes tipos de fortificacións, os castella (singular castellum), eran uns recintos de pequeño tamaño (ca. 0.20-0.80 ha). Ditos recintos son diferentes aos campamentos de marcha ou de campaña, non só polas súas inferiores dimensións (permitirían o acantonamento de entre unha e catro centurias -80-320 soldados-, aproximadamente), senón tamén pola súa localización, habitualmente ocupando puntos de moi boa visibilidade e cunhas particulares condicións naturais de defensa. Podería dicirse que se atopan dentro do espectro das fortificacións garnecidas durante algo máis que una simple xornada, chegando nalgúns casos a algún meses (ocupación temporal-estacional).


A Recacha (Navia de Suarna, Lugo / Ibias, Asturias) – El Pedrón (Cantabria)

Este tipo de sitios arqueolóxicos non son tan fácilmente recoñecibles como os campamentos de marcha con forma de naipe, e moitas veces foron catalogados como castros. Así, poden ter formas tendentes ao rectángulo con esquinais redondeados, ovalados, ou abertamente irregulares. Nos últimos anos véñense documentando con maior frecuencia no Noroeste peninsular, e así temos exemplos como Cildá (Cantabria), El Pedrón (Cantabria) ou o recinto interior de El Picu El Outeiro (Asturias). En Galicia só se coñecía ata agora o recinto de A Recacha (Navia de Suarna, Lugo/Ibias, Asturias), descuberto hai pouco tempo. Sen embargo, o Outeiro de Arnás sitúase nun diferente contexto paisaxístico. Fronte aos outros exemplares, localizados nun entorno de alta montaña, este sitúase nun promontorio ubicado na ladeira dun amplo val fluvial. Este achádego contribúa a diversificar o rexistro arqueolóxico relacionado coa presenza militar romana no Noroeste.

Durante moito tempo, a presenza militar romana no territorio da actual Galicia era un ermo, agás polos dous campamentos permanentes coñecidos, Cidadela (Sobrado dos Monxes) e Aquis Querquernnis (Bande), ambos os dous posteriores á conquista romana. Con moito traballo, esta situación comeza a cambiar, e de forma notable, nos últimos anos. En romanarmy.eu unha das nosas liñas de traballo é desenvolver metodoloxías de investigación que permitan identificar sitios arqueolóxicos militares romanos da época da conquista nun territorio tan modificado ao longo do tempo como é a Galicia actual. Queremos comprender que aconteceu neste territorio entre indíxenas e exército romano, máis alá do silencio das fontes escritas. O Outeiro de Arnás é un exemplo do noso traballo, pero nos vindeiros meses poderás ver significativos avances na investigación sobre a presenza militar en Galicia. Imos paso a paso, pero o avance no coñecemento en poucos anos é impresionante e todo parece indicar que a investigación conseguirá avanzar moito máis.

E continuamos aínda máis arriba…

A partir de mañá comezamos a traballar no Alto do Circo, unha fortificación máis en altura, circular, chea de folclore e lendas das comunidades locais que o rodean (que falan mesmo dunha escaramuza cos franceses), e que coloca desafíos distintos. Imos ver que nos atopamos. Seguídenos en romanarmy.eu para contalo.

CLÁUSULA DE DIVULGACIÓN:

O “Proxecto de prospección arqueolóxica mediante técnicas de teledetección dos sitios arqueolóxicos de Outeiro de Arnás y Alto do Circo (Verín, Ourense)” coordínao o colectivo RomanArmy.eu e conta co apoio do: Concello de Verín (Ourense), Grupo de Investigación Síncrisis (Universidade de Santiago de Compostela), Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do CSIC e a asociación Monterrei Cultura e Territorio. Podes consultar o décalogo de actuación de romanarmy.eu aquí.

Leave a Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *

*