Sites, Stories, Sites

A intervención arqueolóxica confirma a existencia dun campamento romano no outeiro de Santa Baia (A Laracha)


Foxo do campamento romano

A intervención arqueolóxica no castro e campamento romano de Santa Baia (Soandres, A Laracha) encamíñase ao seu peche confirmando a hipótese de partida do equipo de investigación: a existencia dun campamento romano de posible carácter temporal no monte de Santa Baia. Os investigadores practicaron unha sondaxe nunha das zonas nas que as estruturas defensivas -pensadas para protexer un continxente militar durante un curto período de tempo- parecían mellor preservadas. A escavación confirmou a existencia dunha estrutura defensiva en integrada por un terraplén interior e un foxo exterior. A intervención arqueolóxica está coordinada polo profesor José Manuel Costa, da Universidade de Salamanca e membro do colectivo de investigación Romanarmy, e executada pola empresa Tempos Arqueólogos. É a primeira das actuacións do proxecto “Roma no Finis Terrae”, unha iniciativa financiada pola área de Cultura da Deputación da Coruña para coñecer como foi a penetración de Roma no noroeste da Península a través do estudo de varios xacementos localizados nos últimos anos. A intervención en Santa Baia conta tamén coa colaboración do concello da Laracha.

O sistema defensivo romano

O sistema defensivo descuberto envolve un recinto de cinco hectáreas que comprende a zona superior do monte de Santa Baia. As estruturas escavadas son características dos campamentos temporais romanos. Destaca a construción dun estreito foxo nunha zona que, de seu, xa é unha forte pendente natural. Os arqueólogos interprétano como un reforzo para as condicións defensivas do recinto ante posibles ataques. Tamén foi localizada a base dese terraplén vencido por esa forte pendente, e os investigadores mesmo poden detectar como foi preparado o terreo por parte dos militares para o levantamento do parapeto. O recinto ten un acusado nivel de degradación e, de feito, é case inapreciable a simple vista por mor da vexetación. Só o uso de novas tecnoloxías de exploración do territorio facilitou a localización do recinto.

Comprender a cronoloxía do recinto

Os investigadores céntranse agora en obter mostras de material que permitan a datación da construción do recinto militar romano, pero tamén do castro que se localiza no seu interior e que converten a Santa Baia nun caso único en Europa. De feito, parte da intervención exhumou a muralla do castro co obxectivo de poder tomar mostras da fundación deste recinto defensivo, posiblemente da Idade do Ferro. En colaboración co Grupo Interdisciplinar de Patrimonio Cultural e Xeolóxico da Universidade da Coruña, diferentes mostras van ser tomadas tanto no terraplén e foxo do recinto romano como no interior da muralla do castro para realizar datacións por luminiscencia opticamente estimulada (OSL). O obxectivo é coñecer as datas fundacionais dos dous recintos e poder avanzar no establecemento dun marco cronolóxico para o campamento romano. Santa Baia é parte do pequeno conxunto de campamentos romanos localizados no occidente coruñés. Coñecer en que momento o exército romano chegoua á costa atlántica galega ten unha gran relevancia para comprender o proceso de integración do noroeste ibérico no Imperio. Determinar a cronoloxía tamén permitirá ver a relación que pode existir entre estes campamentos romanos do occidente coruñés e as diferentes incursións e campañas militares descritas polas fontes romanas.

Ao tempo, os investigadores están tentando avanzar en comprender cal é a relación entre o castro ártabro localizado no alto do outeiro e o campamento que o envolve. Estaba o castro de Santa Baia habitado no momento no que os romanos establecen o seu campamento? Ou era un recinto anterior ou posterior ao campamento?

Novas intervencións

O proxecto continuará nos vindeiros meses con outras intervencións arqueolóxicas noutros recintos militares romanos da provincia da Coruña. Romanarmy irá comunicando as datas das novas campañas conforme se vaian pechando as datas concretas das intervencións.

Leave a Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *