A presenza do exército romano no occidente de Gallaecia asóciase a diferentes episodios bélicos ao longo de máis de douscentos anos, pero tamén pode rastrexarse posteriormente como parte das estratexias de control do territorio en época imperial.


As primeiras incursións militares romanas coñecidas no noroeste peninsular remóntanse ao ano 138-137 a. C., cando o procónsul Décimo Xuño Bruto atravesa o río Lethes (Limia) e intérnase en terra incognita.
Porén, a presenza militar romana na actual provincia da Coruña non se menciona explicitamente nas fontes clásicas ata a célebre expedición liderada por Xulio César contra o asentamento de Brigantium no ano 61-60 a. C. César contou cunha armada subministrada polos seus aliados gaditanos.
Sabemos pola arqueoloxía que os contactos entre as comunidades galaicas da Idade do Ferro e os mercaderes iberopúnicos do
sur peninsular eran particularmente dinámicas, así que Xulio César tiña pleno coñecemento das posibilidades de saqueo que existían no Noroeste.
Malia que a expedición de César aínda presenta numerosas incógnitas en termos arqueolóxicos, a partir deste momento as mercadorías de orixe romana inundan o rexistro dos xacementos galegos.

O ciclo da conquista culmina con Octavio Augusto, primeiro emperador de Roma, quen asegura o control efectivo de todos os territorios no norte da península ibérica.
Pouco despois da súa chegada ao poder, Octavio Augustou impulsou as coñecidas como Guerras Cántabro-Astures (29-19 a.C.), unha vasta operación militar contra os pobos do norte e noroeste peninsular. Durante moito tempo considerouse que estas guerras só afectaran ás actuais áreas de Asturias e Cantabria, pero a gran cantidade de fortificacións temporais
romanas localizadas no actual territorio galego suxiren que o conflito estendeuse por unha área máis ampla e que implicou o desenvolvemento de operacións moi complexas. Este conflicto bélico remataría coa victoria romana e a fundación das cidades que artellarían o territorio de Gallaecia: Lucus Augusti, Bracara Augusta e Asturica Augusta.

O exército continuou en Gallaecia trala conquista. O forte romano da A Ciadella foi a instalación militar que perdurou durante máis tempo no territorio da actual Galicia.
Logo da conquista, o exército romano realizou diversas tarefas encamiñadas a asegurar o control, organización e explotación do territorio segundo os intereses do Imperio romano. No territorio provincial localizáronse diversas evidencias que permiten rastrexar a presenza dos militares, como por exemplo as estelas funerarias que varios lexionarios deixaron tras de si.
Con todo, o máis destacado dos asentamentos militares romanos en Galicia foi o forte romano de A Ciadella (Sobrado dos Monxes), fogar da cohors I Celtiberorum escavado durante décadas por J. M. Caamaño Gesto.
Entre os séculos II e III d.C., este continxente militar auxiliar non estivo unicamente a cargo do territorio a cabalo entre o porto de Brigantium e a cidade de Lucus Augusti, senón que aparece formando parte de diversas accións mlitares en distintos puntos do noroeste peninsular.
Á altura do século IV d. C., o forte semella abandonado. Documentos como a Notitia Dignitatum sinalan que a cohors Celtiberia xa abandonara o territorio de Brigantia, pero púidose ver substituida nas súas funcións por outros destacamentos militares en cidades amuralladas como Lucus Augusti.
Os escenarios do conflito
Nos últimos anos, as novas tecnoloxías permitíronnos localizar diferentes fortificacións —nalgúns casos moi difíciles de ver sobre o terreo— que parecen responder ás operacións do exército romano na zona. A investigación nestes sitios permítenos avanzar no copñecemento de epidodios históricos e operacións militares das que non sobreviviron referencias documentais claras. Explora no noso infográfico os sitios documentados na provincia da Coruña.
Tipos de xacementos
O exército romano foi unha estrutura humana disciplinada, moi axustada a reglas e condicións, e, ao tempo, tremendamente versátil e adaptable á natureza das súas misións. Na provincia da Coruña temos documentáronse tipos de xacementos que nos permiten comprender estas realidades.

Campamentos temporais
A Cova do Mexadoiro (Val do Dubra), O Cornado (Negreira), Santa Baia (A Laracha)
—
Os campamentos temporais (castra aestiva) apareceron pola dobre necesidade do exército romano de gornecerse en territorio hostil e de manter a disciplina interna.
Estas fortificacións de campaña podían ter distintos tamaños (desde 1 ha ata 30 ha) e construíanse rapidamente utilizando os materias á man. Na súa forma máis básica, as defensas (munitiones) destes campamentos consistían nun foso e un terraplén (agger) levantado coa terra extraída que podía coroarse cunha palisada ou valado (vallum).
Como demostra a evidencia arqueolóxica galega, os romanos ben podían optar por outras solucións como, por exemplo, apilar pedras ou fincar lousas para construir muros en seco.
Os soldados acampaban organizadamente, instalando as súas tendas de campaña de coiro en ringleiras orientadas cara as liñas de defensa e as vías que garantían o tránsito interior. Este é o motivo polo que estas fortificacións adoitan a ter formar regulares.
Por mor da súa ocupación efémera, a cultura material que se pode atopar nestes sitios é moi limitada e sensible ao paso do tempo.

Pequenas fortificacións e postos avanzados
O Castrillón (Touro)
—
As fontes escritas refírense con diversos termos a unha serie de fortificacións de pequeno tamaño (< 1 ha) e carácter auxiliar cuxa finalidade era garantir o control do territorio mediante unha estratexia de capilarización da presenza militar.
Estes castella ou praesidia podían ocuparse durante un breve periodo de tempo cunha finalidade inmediata —un asedio, por exemplo— ou continuar en uso cun carácter máis permanente a modo de gornición.
É frecuente atopar este tipo de recintos fortificados en lugares elevados, controlando zonas de tránsito ou pasos naturais, así como nas inmediacións doutros lugares de interese —pensemos en recursos estratéxicos como a minería—.

Bases e fortes permanantes
A Ciadella (Sobrado dos Monxes)
—
Co paso do tempo, estabilizáronse as fronteiras imperiais e as gornicións militares nas provincias. Os vellos campamentos de invernada foron gradualmente substituidos por bases permanentes que contaban con defensas e estruturas máis sólidas e aptas para unha ocupación prolongada no tempo.
Ao interior destas fortificacións atopábanse un variado conxunto de instalacións como barracóns, graneiros, almacéns, talleres, hospitais ou fornos. No exterior, con frecuencia apareceron poboados civís dependentes dos asentamentos militares. Nestes espazos tamén podían atoparse comodidades como baños, templos ou edificios de espectáculos.
Tendo en conta que estes enclaves estiveron habitados durante xeracións, a cultura material que pode recuperarse nestes contextos é moi abundante e reflexa o modo de vida romano.

Outras instalacións
(¿Brigantium? ¿Brandomil?)
—
A evidencia epigráfica permítenos documentar a presenza militar dun determinado territorio mesmo se non temos outras evidencias documentais ou arqueolóxicas neste sentido.
A concentración destes achados en determinados puntos do territorio pode ser indicativo de pequenos despregamentos militares, particularmente se os epígrafes aluden a soldados en activo ou falecidos no desenvolvemento da súa misión. As fontes escritas aluden á existencia de pequeno postos para o control e vixianza do territorio (stationes, praesidia).
Para o Imperio, o exército era algo máis cun brazo armado, pois tratábase dun corpo que contaba con man de obra relativamente cualificada que podía desenvolver numerosas actividades de xestión —recaudación de impostos, control de recursos estratéxicos, abastecemento e loxística, etc.— ou asistir na construcción de determinas infraestructuras públicas como as vías.

onde continuar a investigación

O campamento do Cornado desde o aire (2021)
O Cornado (Negreira)
Este xacemento é, posiblemente, un dos campamentos romanos mellor conservados da provincia da Coruña e, con case 13 ha de extensión, un dos de maior tamaño identificados ata o momento na actual Galicia.

Plantación de eucaliptos na Cova do Mexadoiro (2024)
A Cova do Mexadoiro (Trazo)
Este pequeno campamento (ca. 2 ha) mostra ás claras o gran impacto que a mecanización das actividades agrarias e a extensión dos monocultivos forestais teñen sobre os xacementos arqueolóxicos.