Castro e campamento de Santa Baia

Un excepcional xacemento que comprende un campamento romano e no seu interior un castro da Idade do Ferro, posiblemente abandonado antes da chegada do exército.

A adaptación do modelo ortogonal á topografía galega

Parroquia de Soandres (A Laracha)

O alto de Santa Baia (323 m s.n.m.) sitúase nun interfluvio desde onde se domina o paso que, a través dos Montes do Xalo, comunica a Badía da Coruña co val de Anllóns. Coroando o seu cumio xa se coñecía a existencia dun castro (GA15041013) de cronoloxía indeterminada pero cuxo patrón de asentamento podería remitirnos á primeira idade do Ferro (séculos VII-IV a.C.). A media ladeira documentáronse as estruturas defensivas do campamento romano, unha serie de terrapléns e terrazas que definen un recinto rectangular irregular duns 268 x 209 m e 5 ha de superficie. Pode considerarse un recinto de mediano tamaño dentro das fortificacións romanas de campaña.

Unha recreación do castro e campamento de Santa Baia

Malia que non é doado crear recreacións de espazos arqueolóxicos con moi poucas trazas estruturais e escasa cultura material, estas reconstrucións permítennos visualizar as hipóteses de traballo desenvolvidas durante as investigacións, analizar a súa viabilidade e repensar os xacementos nos que intervimos.

Da recreación ás evidencias

Recreacións como as anteriores baséanse nun complexo conxunto de datos. Combinamos as evidencias recompiladas en campo co coñecemento documental e arqueolóxico doutras fortificacións do mesmo tipo xa coñecidas en Europa.

Explora aquí o territorio e as sondaxes de Santa Baia.

Visión xeral do xacemento

Castro (sector S)

Campamento (sector NE)

Vista xeral do xacemento

Os traballos arqueolóxicos en Santa Baia

En Santa Baia practicamos dúas sondaxes: no parapeto do campamento, nunha zona de forte pendente onde xa en superficie se apreciaban potenciais estruturas arqueolóxicas —tamén documentadas na previa análise dixital do terreo—, e na muralla do castro, ben coñecido pola poboación local. Para a limpeza e roza da vexetación, así como para a obtención dos permisos dos propietarios das parcelas, contouse coa colaboración do Concello da Laracha e da arqueóloga Puri Soto.

Unha selección de notas de prensa e aparicións en medios de comunicación.

NOTAS DE PRENSA

[26/07/2023] Comeza a intervención arqueolóxica no campamento romano e castro de Santa Baia (A Laracha)

“O proxecto ten por obxectivo estudar as estruturas defensivas do campamento romano, avanzar na súa caracterización e explorar a relación entre esta fortificación militar e o castro que se atopa situado no alto do mesmo interior monte “

[29/07/2023] A intervención arqueolóxica confirma a existencia dun campamento romano no outeiro de Santa Baia (A Laracha)

“A escavación confirmou a existencia dunha estrutura defensiva en integrada por un terraplén interior e un foxo exterior.”