Arqueoloxía 360º: séguenos na nosa exploración de A Penaparda

O traballo de laboratorio de romanarmy.eu non é só arqueolóxico! Seguimos procesando datos sobre a nosa intervención no campamento romano de A Penaparda (A Fonsagrada). Xa sabedes que no noso colectivo non só tratamos de innovar con tecnoloxías para localizar sitios arqueolóxicos, senón tamén no propio proceso de comunicación.

Aquí vos presentamos o noso primeiro vídeo en 360º, no que ti estás no centro da nosa experiencia arqueolóxica. É un experimento audiovisual que te leva ao noso traballo na Fonsagrada, seguindo o camiño do equipo desde o bar no que almorzamos ata o coche no que marchamos do sitio arqueolóxico. Pódesnos ver interpretando as sondaxes, e tamén as estruturas que se distinguían sobre o terreo.

Tentamos tirar proveito dalgunhas das posibilidades da tecnoloxía de gravación en 360º e ver como nos poden axudar a contar mellor a práctica da arqueoloxía. Aínda é un experimento, no que debemos mellorar moitas cousas, pero é posiblemente é das primeiras experiencias en España (que nós saibamos) en empregar esta técnica para contar historias de traballo de campo en arqueoloxía. E xa vos adiantamos que non será a última.

Como velo?

Pois de moitas maneiras. A mellor é co móbil, unhas gafas de realidade virtual e uns auriculares. Esa é a maneira de estardes máis preto de nós no vídeo. 😉 Pero tamén co móbil, se o moves ao teu redor, poderás experimentar tamén a dimensión espacial.

Leave a Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *

*