O campamento romano de Penedo dos Lobos revela a presenza militar romana máis antiga documentada en Galicia

As de Augusto acuñado polo legado Publio Carisio (25-22 a.C.) e recuperado no campamento de Penedo dos Lobos

A intervención no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense) permitiu descubrir a presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e que podería vincularse cronoloxicamente á época das Guerras Cántabro-Astures. No transcurso dunha campaña arqueolóxica levada a cabo polo colectivo romanarmy.eu e dirixida polo investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC João Fonte foi localizado material militar romano, entre o que se atopan as características chatolas das sandalias romanas (caligae) e moedas acuñadas por Publio Carisio (quen fora legado do primeiro emperador Octavio Augusto durante as Guerras Cántabro-Astures) entre o 25 e o 22 a.C. para pagar aos lexionarios que participaban nas campañas bélicas.

Estes achados sitúan a construción do campamento romano de Penedo dos Lobos nun horizonte cronolóxico anterior ao cambio de era e posiblemente coetáneo ás Guerras Cántabro-Astures, coas que o Imperio romano rematou a conquista de Hispania. Trátase da presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e é un achado de gran relevancia histórica para coñecer os inicios da romanización neste territorio. Ata o momento, numerosos especialistas consideraban que a zona de Galicia estivera á marxe do conflito. Aínda que non é posible polo momento determinar cal era a misión do continxente militar de Penedo dos Lobos, os achados redefinen o coñecido sobre esta época e axudan a contextualizar unha presenza militar romana neste territorio que, á luz do descuberto polo colectivo romanarmy.eu e outros equipos de investigación nos últimos anos, é máis ampla e diversa do coñecido ata o momento.

A campaña arqueolóxica rematou o pasado sábado e está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e máis o Grupo de Investigación Síncrisis do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Un sitio arqueolóxico nun estado de conservación excepcional

O campamento romano de Penedo dos Lobos atópase moi preto da Estación de esquí de Cabeza de Manzaneda e foi tradicionalmente unha zona de pastoreo con vexetación que dificultaba a súa identificación. O seu tamaño -2,34 has- defíneo como un campamento de reducidas dimensións con capacidade de acoller ata mil soldados. Os arqueólogos salientaron o “excelente” estado de conservación das estruturas defensivas do campamento. Deste xeito, Penedo dos Lobos aínda conserva as características catro portas que definen os recintos militares romanos, e case a totalidade do perímetro da muralla defensiva que ademais, de xeito moi pouco habitual, está construída en pedra.

Penedo dos Lobos foi ocupado durante un período curto de tempo, aínda que á luz da análise das evidencias, os especialistas consideran que podería non corresponderse tanto a un campamento de marcha –construído para descansar durante unha ou dúas xornadas- como a un campamento estacional, que servise durante un período máis prolongado de tempo (semanas ou incluso un mes) a un continxente militar romano cunha misión específica que aínda se descoñece.

O campamento fora descuberto por un veciño da comarca, Rubén F. Lorenzo Pérez, quen comunicou ao colectivo romanarmy.eu a existencia dun recinto de alta montaña de peculiares características.

Un patrimonio en ameaza
O colectivo romanarmy.eu comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e Galicia en febreiro de 2017 a existencia do campamento romano. Sen embargo, durante a intervención arqueolóxica tívose coñecemento de que o terreo se atopa afectado nestes momentos por un plan de repoboamento forestal que danará de maneira irreversible este sitio arqueolóxico de grande relevancia para a historia de Galicia.

Un amplo programa de divulgación
A intervención arqueolóxica no Penedo dos Lobos foi retransmitida diariamente a través de Internet por parte do colectivo romanarmy.eu, mediante vídeos en directo e formatos innovadores de comunicación científica. O alcance, só a través do perfil de Facebook do colectivo, foi de máis de 65.000 persoas ao longo de toda a semana de intervención arqueolóxica, na que o público puido seguir día a día a evolución da intervención científica. Así mesmo, realizáronse visitas guiadas ao sitio tanto con integrantes dos campamentos xuvenís de Cabeza de Manzaneda como abertas ao público xeral, con numerosa presenza de público.

Leave a Comment

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *

*