Historias

Un novo vaso da serie do Muro de Adriano, achado en Soria

Un achado casual en terras sorianas vén de ampliar de xeito significativo o corpus dos chamados Hadrian’s Wall pans, a reducida serie de vasos broncíneos esmaltados que reproducen o Muro de Adriano e os nomes dos seus fortes. A Berlanga Cup é apenas a segunda peza desta serie recuperada en Hispania e a primeira de todas as coñecidas que documenta epigraficamente os fortes do sector oriental do Muro. Ademais, reforza a hipótese destes obxectos como lembranzas militares levadas de volta por veteranos das tropas auxiliares, neste caso vinculables á Cohors I Celtiberorum, recrutada no territorio onde apareceu o vaso.

O achado produciuse por casualidade en terreos de labranza de La Cerrada de Arroyo, a escasos cen metros do núcleo urbano de Berlanga de Duero (Soria). A peza, hoxe depositada no Museo Numantino (inv. 2025/3), consérvase nun 80-90%. Trátase dun vaso hemisférico de 114 mm de diámetro máximo, con decoración esmaltada en vermello, verde, turquesa e azul mariño, e unha inscrición no bordo na que figuran os nomes de [CILV]RNVM, ONNO, V[IN]DOBALA e CONDERCOM, correspondentes aos fortes de Chesters, Halton Chesters, Rudchester e Benwell (Northumberland). Ningunha das outras pezas coñecidas ata hoxe —a Rudge Cup, a Amiens Patera, a Ilam Pan, a Bath Pan ou os fragmentos Basildon e Hildburgh— menciona estes emprazamentos.

O estudo, publicado na revista Britannia, está asinado por Roberto De Pablo Martínez (Instituto CAETRA), Susana De Luis Mariño (Instituto CAETRA e Museo Arqueolóxico Nacional, Madrid), Jesús García Sánchez (Escuela Española de Historia y Arqueología en Roma, EEHAR-CSIC, e Instituto de Arqueología de Mérida, IAM-CSIC, e membro do colectivo romanarmy), Ignacio Montero Ruiz (Instituto de Historia, IH-CSIC, Madrid) e Pablo Aparicio Resco (3D Stoa – Heritage and Technology, Madrid). O traballo combina epigrafía, arqueometría (pXRF e análise de isótopos de chumbo en Durham University), dixitalización 3D e prospección xeofísica con GPR. Os resultados confirman a manufactura da peza no norte de Britania, con chumbo procedente das minas dos Pennines setentrionais ou Durham, e identifican arredor do punto do achado un asentamento rural romano datable entre os séculos I e IV d.C.

A datación da peza, situada entre o 124 e finais do século II d.C., e a mención explícita de fortes como Cilurnum e Condercum —onde estiveron acuarteladas unidades auxiliares hispanas— reforzan a lectura do vaso como un souvenir militar traído de volta por un veterano da Cohors I Celtiberorum. Un documento clave para sustentar esta hipótese é a téssera de hospitalidade de Castromao (Ourense), datada no 132 d.C., na que figura un prefecto desta mesma cohorte.

DOI: 10.1017/S0068113X26100701

Consulta a publicación en Britannia:
The Berlanga Cup. New Evidence of Hadrian’s Wall Pans Found in Hispania Citerior (Spain)

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *