Decálogo de RomanArmy.eu

  1. RomanArmy naceu en 2016 como un colectivo de investigadores interesados na Arqueoloxía do conflito e no estudo do proceso de conquista do NW ibérico por parte de Roma. Nesta liña, pretende sumar competencias, coñecementos e sinerxías para explorar novas vías de investigación baseadas na experimentación e na innovación, pero tamén no rigor científico e na calidade da investigación.
  2. RomanArmy non se constitúe como un grupo de investigación formal dentro dunha estrutura universitaria ou dun centro de investigación en particular, independentemente de que algún dos investigadores que o integran podan desenvolver a súa actividade nestes ámbitos. Deste modo, o colectivo non pretende acudir a fontes de financiamento convencionais deste tipo de grupos (plans autonómicos, ministeriais ou europeos de I+D+i), sendo por iso autónomo, auto-sostido e soportado polo esforzo e dedicación dos seus membros. Unicamente poderá establecer alianzas e colaboracións puntuais con estes centros para acción concretas, pero sempre dende unha relación de horizontalidade e de respecto cara os principios que rexen RomanArmy.
  3. RomanArmy funciona de maneira descentralizada, con actuacións propostas polos propios membros, aprobadas por consenso e ás que o resto de investigadores do colectivo incorpórase voluntariamente se así o considera oportuno.
  4. RomaAmy céntrase non só na produción do coñecemento, senón que aposta pola socialización da investigación. Deste modo, abre canles de comunicación directa tanto con outros colegas do ámbito científico e académico, así como co público final, procurando incorporalo ao propio proceso de xeración de coñecemento. Por iso, RomaArmy explora novas vías para a difusión dos resultados máis aló dos formatos estándares da publicación académica.
  5. RomanArmy comparte unha visión da ciencia democrática, dinámica, aberta, feminista e na idea de que esta debe contribuír a mellorar a sociedade creando unha cidadanía máis crítica e informada. Neste senso, RomanArmy constitúese como unha plataforma de acción científica que, a pesar do limitado do seu alcance e posibilidades como colectivo, desborda moitas das problemáticas burocráticas, administrativas e de xestión que nestes momentos afogan a unha boa parte das institucións académicas e científicas.
  6. O día a día de RomanArmy baséase nun debate aberto e proposto en termos de liberdade, igualdade, horizontalidade e democracia entre os seus membros, así como entre estes e a sociedade en xeral. Tal debate fundaméntase no intercambio de ideas, a busca de consensos e o aprendizaxe colectivo, o cal reforza a súa vez o compromiso de honestidade e transparencia do grupo. Permítenos escoitar, dubidar, opinar, concienciar e aprender na liberdade e na multivocalidade.
  7. RomanArmy aposta claramente polo respecto á diversidade de pensamento, que ven fundamentado polo carácter interdisciplinar, heteroxéneo e incluso frecuentemente heterodoxo do grupo, conformado por investigadores procedentes de diferentes disciplinas, tradicións investigadoras, áreas xeográficas e con distintos intereses. Tal bagaxe vital non determina o establecemento de rangos e xerarquías, senón que se atopa ao servizo do ben común e do pensamento plural.
  8. RomanArmy é un colectivo nativo dixital que se empapa do carácter inmediato e interactivo que emana deste concepto. O que nos permite abrir diálogos francos coa cidadanía, seguindo os principios da ciencia pública e en aberto. Apostamos por unha visión máis aberta da propiedade intelectual como un ben público e adoptamos unha ética hacker na nosa relación coa tecnoloxía: reinterpretándoa, reinventándoa e explorando novos usos tanto para a investigación como para a comunicación do proceso científico.
  9. RomanArmy enténdese como un colectivo transdisciplinar, en permanente construción e polo tanto cambiante, pero sempre baseado nuns principios éticos e de compromiso social ben definidos aos que atende este decálogo.
  10. RomanArmy naceu nas marxes da Academia, como unha anomalía no sistema. Con utópica irreverencia constitúese como modelo meta-académico. Bebe dun Latente activismo envolto en desenfado. RomanArmy autodefínese como colectivo de investigación con arquitectura de WhatsApp.