Caderno de campo, Historias, Técnicas

Análise visual de Outeiro de Circo. Foto: Rebeca Blanco

Exactamente iso foi o que pensamos nada máis chegar á casa, logo de descargar todas as cousas no laboratorio, gardar equipos e ferramentas e, por suposto, darlle unha lavada ao coche, que trouxo consigo medio val do Támega en forma de po. Rebeca adoita facer un cálculo, moi polo aire, segundo o cal por cada semana de traballo en campo correspóndense tres de gabinete, isto é, de procesado dos datos recollidos. Pero claro, falamos de semanas correntes, eses unicornios brancos con xornadas diarias de 8 horas, practicamente inexistentes en arqueoloxía.

Queda moito por facer, por iso foi importante organizarse canto antes. En primeiro lugar tivemos que xuntar todos os datos recompilados en campo e comprobar que non faltase nada. Por un lado, revisáronse as notas de campo, os rexistros de materiais, os datos do GPS e as fotografías… procurando que todo fose accesible en formato dixital; por outro comprobouse que as pezas e mostras recollidas estivesen ben identificadas, pensando no seu procesado posterior.


Puntos GPS obtidos no Outeiro de Arnás

E aí comezou o verdadeiro reparto de tarefas. João xestiona nestes momentos todos os aspectos relacionados coa toma de puntos co GPS submétrico. A maioría deses puntos tomáronse co obxectivo de elaborar modelos dixitais do terreo, cos que se poderán elaborar desde planimetrías ata modelos 3D dos sitios prospectados. Outros refírense ás evidencias materiais documentadas sobre o terreo, o que nos permitirá coñecer non só os lugares onde apareceron, senón tamén saber os motivos polos que se producen esas acumulacións dentro dos sitios.

De forma complementaria, Manuel procesa toda a documentación gráfica obtida co dron, centos de fotografías que non so nos permiten ter una perspectiva totalmente diferente dos sitios, senón que tamén servirán para elaborar novos modelos dixitais. O outro día andaba argallando como presentar de forma máis didáctica estes mesmos modelos.


Modelo 3D do Outeiro de Arnás (sen texturas)

Comentábame onte Rebeca que as mostras xa están preparadas para a súa análise e que Erik, inseparable da improvisada forcada artesanal que trouxo de Arnás, comezará nos próximos días o proceso de fotografado en detalle e documentación dos materiais. Consciente dos prazos que nos marcan as autoridades, coordina ela agora tamén o informe valorativo que teremos que entregar nun mes escaso. Nel explicarase con detalle todo isto que vos vimos contando desde o inicio dos traballos: localización dos sitios, métodos e técnicas usados, descrición das estruturas e materiais, etc.

E aquí é onde me atopo eu, a máis de 1500 qm de Verín, traballando nese mesmo informe. E mentres escollo algunhas fotografías para ilustrar un capítulo que veño de redactar, vexo tamén outras imaxes, máis informais, que me fan recordar o agarimo co que fomos acollidos. Afástame destes pensamentos unha serie de mensaxes no grupo de whatsapp. Parece ser que o equipo, revisando algúns artigos, atopou algúns paralelos arqueolóxicos interesantes que nos axudarán a comprender mellor o Alto do Circo e Outeiro de Arnás. Estamos afeitos a traballar así, en tempo real, coa seguridade de que cada día esconde algo novo e coa secreta ilusión de que os nosos pasos nos volvan levar ao Támega.

Por José Manuel Costa

Publicacións, Técnicas

O noso colega João Fonte participou o pasado més de maio de 2016 (17-20) no TRAIL 2016 (Training and Research on the Archaeological Interpretation of LiDAR) que se celebrou no Domaine National de Chambord (Loir-et-Cher, Francia). Alí tivo a oportunidade de interactuar cos máis importantes especialistas europeos e de aprender sobre a aplicación do LiDAR aéreo no estudo das paisaxes arqueolóxicas. Trátase da terceira edición desta “international meeting on LiDAR applications for archaeology”.

Continue Reading

Sitios, Técnicas

Con todo o azucre inxerido durante o Nadal, tivemos enerxía de abondo para realizar algún traballo de campo. Aproveitamos o feito de regresar ás nosas casas para desprazarnos a terras transmontanas, en concreto ao concello de Vinhais.

Continue Reading

Publicacións, Técnicas

Menendez_et_al_Tras_las_huellas_Genius Loci_pt2

Logo de varias experiencias investigadoras en diferentes zonas do noroeste ibérico valoramos as potencialidades e limitacións de diversas técnicas nun amplio rango de terreos, testándose de maneira eficiente a súa utilidade para a prospección arqueolóxica. Neste traballo, presentado durante el congreso Genius Loci: lugares e significados, mostramos e abrimos a debate unha proposta metodolóxica para a detección y estudo de restos estruturais relacionados coa presenza militar romana neste territorio. Continue Reading

Publicacións, Técnicas

Páginas desdeAARGnews52

O último número da revista AARGnews, que edita o Aerial Archaeology Research Group (AARG), recolle un novo artigo asinado por todos nós. Nel preséntase a metodoloxía que vimos aplicando para a detección e estudo dos asentamentos militares romanos na península ibérica, combinándose fotografía aérea histórica e recente, imaxes por satélite, LiDAR aéreo, Sistemas de Información Xeográfica e técnicas de prospección superficial. Así mesmo, pode considerarse a presentación en sociedade a escala internacional do proxecto romanarmy.eu.

Continue Reading

Publicacións, Sitios, Técnicas

Este é o traballo que presentamos no 23. Limes Congress, o cal se celebrou en lngolstadt (Alemaña) en setembro de 2015. Amosamos alí o resultado dunha investigación desenvolta estes últimos anos ao redor da presenza militar romana no noroeste de Iberia e como a perspectiva historiográfica sobre a materia ten cambiado grazas a técnicas como o emprego da fotografía aérea e histórica ou o revolucionario LIDAR aéreo. Este sitio web presenta unha nova visión das campañas militares romanas no contexto da conquista e posterior reorganización do noroeste peninsular.

Aínda que o audio do vídeo está en inglés podes cambiar o idioma dos subtítulos a galego, castelán e portugués seleccionando na rodiña de engranaxe da esquina inferior dereita. Ao ser un vídeo interactivo. podes ademáis descargar arquivos KMZ con información gráfica adicional para cada un dos sitios arqueolóxicos dos que falamos. Precisas ter instalado o software Google Earth para abrir e ver estes ficheiros.

Nesta páxina podes ver tamén destacadas algunhas das conclusións máis interesantes derivadas da presentación pública destes dezasete asentamentos militares romanos.