Caderno de campo, Historias, Técnicas

E agora que? A arqueoloxía despois do traballo de campo

Análise visual de Outeiro de Circo. Foto: Rebeca Blanco

Exactamente iso foi o que pensamos nada máis chegar á casa, logo de descargar todas as cousas no laboratorio, gardar equipos e ferramentas e, por suposto, darlle unha lavada ao coche, que trouxo consigo medio val do Támega en forma de po. Rebeca adoita facer un cálculo, moi polo aire, segundo o cal por cada semana de traballo en campo correspóndense tres de gabinete, isto é, de procesado dos datos recollidos. Pero claro, falamos de semanas correntes, eses unicornios brancos con xornadas diarias de 8 horas, practicamente inexistentes en arqueoloxía.

Queda moito por facer, por iso foi importante organizarse canto antes. En primeiro lugar tivemos que xuntar todos os datos recompilados en campo e comprobar que non faltase nada. Por un lado, revisáronse as notas de campo, os rexistros de materiais, os datos do GPS e as fotografías… procurando que todo fose accesible en formato dixital; por outro comprobouse que as pezas e mostras recollidas estivesen ben identificadas, pensando no seu procesado posterior.


Puntos GPS obtidos no Outeiro de Arnás

E aí comezou o verdadeiro reparto de tarefas. João xestiona nestes momentos todos os aspectos relacionados coa toma de puntos co GPS submétrico. A maioría deses puntos tomáronse co obxectivo de elaborar modelos dixitais do terreo, cos que se poderán elaborar desde planimetrías ata modelos 3D dos sitios prospectados. Outros refírense ás evidencias materiais documentadas sobre o terreo, o que nos permitirá coñecer non só os lugares onde apareceron, senón tamén saber os motivos polos que se producen esas acumulacións dentro dos sitios.

De forma complementaria, Manuel procesa toda a documentación gráfica obtida co dron, centos de fotografías que non so nos permiten ter una perspectiva totalmente diferente dos sitios, senón que tamén servirán para elaborar novos modelos dixitais. O outro día andaba argallando como presentar de forma máis didáctica estes mesmos modelos.


Modelo 3D do Outeiro de Arnás (sen texturas)

Comentábame onte Rebeca que as mostras xa están preparadas para a súa análise e que Erik, inseparable da improvisada forcada artesanal que trouxo de Arnás, comezará nos próximos días o proceso de fotografado en detalle e documentación dos materiais. Consciente dos prazos que nos marcan as autoridades, coordina ela agora tamén o informe valorativo que teremos que entregar nun mes escaso. Nel explicarase con detalle todo isto que vos vimos contando desde o inicio dos traballos: localización dos sitios, métodos e técnicas usados, descrición das estruturas e materiais, etc.

E aquí é onde me atopo eu, a máis de 1500 qm de Verín, traballando nese mesmo informe. E mentres escollo algunhas fotografías para ilustrar un capítulo que veño de redactar, vexo tamén outras imaxes, máis informais, que me fan recordar o agarimo co que fomos acollidos. Afástame destes pensamentos unha serie de mensaxes no grupo de whatsapp. Parece ser que o equipo, revisando algúns artigos, atopou algúns paralelos arqueolóxicos interesantes que nos axudarán a comprender mellor o Alto do Circo e Outeiro de Arnás. Estamos afeitos a traballar así, en tempo real, coa seguridade de que cada día esconde algo novo e coa secreta ilusión de que os nosos pasos nos volvan levar ao Támega.

Por José Manuel Costa

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *