Este luns comezarán os traballos arqueolóxicos no Alto da Pedrada, un recinto fortificado en bo estado de conservación localizado en Arcos de Valdevez, na Serra do Soajo, en pleno Parque Nacional da Peneda-Gerês. O obxectivo científico é validar a hipótese formulada polo colectivo de investigación romanarmy.eu na que se identifica este recinto arqueolóxico como un campamento militar romano de carácter temporal. Trataríase do primeiro localizado no norte de Portugal e próximo á fronteira galega.

Os traballos intégranse dentro do proxecto Finisterrae financiado por la Comisión Europea a través de una bolsa individual Marie Skłodowska-Curie liderada por João Fonte (Universidade de Exeter) e se desenvolverán entre o 3 e o 8 de agosto. E en setembro, dentro do mesmo proxecto europeo, realizarase tamén unha intervención arqueolóxica no recinto de Lomba do Mouro, localizado entre os concellos Melgaço (Viana do Castelo, Portugal) e Verea (Ourense).
Ambos os dous recintos foron localizados polo colectivo romanarmy.eu entre 2017 e 2018, xunto co de Chaira da Maza (Lobeira, Ourense), amosando a relevancia excepcional da Reserva de la Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés para comprender a presenza do exército romano no noroeste da Península Ibérica. Os xacementos foron publicados por primeira vez na publicación científica de referencia Mediterranean Archaeology and Archaeometry en 2019.
Alto da Pedrada
O recinto de Alto da Pedra atópase a 1416 metros de altitude, en pleno Parque Nacional da Peneda-Gerês. As especiais condicións de illamento do xacemento arqueolóxico, lonxe das estradas e dos núcleos de poboamento da zona, facilitaron a preservación de boa parte do recinto fortificado e mesmo de tres das súas características portas en clavícula. O seu paralelo máis próximo no noroeste peninsular é o campamento romano de Penedo dos Lobos, en Manzaneda (Ourense) investigado por romanarmy.eu no verán de 2018. O recinto, de pequenas dimensións (1,5 hectáreas) está delimitado por unha muralla de pedra de dous metros de anchura conservada en tres dos lados e se adapta á topografía local.

O sitio foi identificado en 2018 a través da análise dos datos LIDAR cedidos pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A intervención está financiada polo Município de Arcos de Valdevez e coa colaboración directa da empresa Era-Arqueologia. Os traballos en campo buscaran datar e contextualizar historicamente o xacemento a través da cultura material recuperada e a recollida de mostras con vistas á súa datación absoluta a través dunha colaboración con o Grupo de Investigação C2TN do Instituto Superior Técnico de Lisboa.
Os traballos serán retransmitidos en directo desde o xacemento a través de Facebook Live e as diversas ferramentas de comunicación de romanarmy.eu, permitindo a veciños e interesados coñecer de man dos arqueólogos os avances do proxecto con moita rapidez.
O proxecto tamén conta coa colaboración de diferentes entidades locais: as Juntas de Freguesia de Soajo, Cabreiro e Gondoriz, pertencentes ao concelho de Arcos de Valdevez, e das Comissões de Compartes dos Baldios de Soajo, Cabreiro e Gondoriz, propietarias dos terreos. Os traballos foron aprobados pola Direção Geral do Património Cultural e pela Direção Regional de Cultura do Norte. O Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas deu tamén o seu parecer positivo.