Romper a baralla: investigamos dous enigmáticos recintos en Verín

A imaxe popular dun campamento romano de marcha é a dun gran naipe fortificado de varias hectáreas de tamaño. No seu interior pasa a noite un continxente militar de miles de homes antes de continuar no seu avance polo territorio. Pero os procesos de conquista, de dominio e de control son procesos longos e complexos. É posible identificar arqueolóxicamente sitios fortificados vinculados ao exército romano que creben este esquema e acollan continxentes máis reducidos? Se existen, que función desempeñan, que cronoloxía teñen? Que papel xogan no control do territorio, os seus recursos e as súas vías de comunicación?

O equipo Romanarmy.eu inicia en Verín unha campaña de prospección arqueolóxica en dous sitios arqueolóxicos fortificados que, polas súas características, non encaixan dentro dos parámetros das estruturas tradicionais da Idade do Ferro, os castros, ou das fortificacións baixomedievais: o Outeiro de Arnás e o Alto do Circo. Así que se presenta un reto científico fascinante: a que época pertencen e quen os construiu? O obxectivo destes traballos é avanzar no seu coñecemento e indagar se poden ser potenciais estruturas de época romana ou ben de outros periodos pouco coñecidos das nosas historia e arqueoloxía. O val de Monterrei e a zona de Verín, tradicional zona de paso e fronteira estratéxica ao longo dos séculos, é un espazo de grande interese histórico para coñecer os diferentes procesos de fortificación ao longo da Historia. A nosa campaña realizarase entre o luns 17 de abril e o sábado 22 de abril.

O Outeiro de Arnás e o Alto do Circo son unha mostra do importante que é a investigación científica para comprender os sitios arqueolóxicos. Ambos os dous teñen características que fan pensar que poidan estar vinculados ao exército romano, pero tamén teñen outras que o descartan. O obxectivo do equipo é ir máis alá e tentar explicar estes dous interesantes lugares. Unha magnífica oportunidade para facer ciencia en acción e disfrutar da súa práctica.

SÉGUENOS DURANTE TODA A CAMPAÑA!

Presentación do proxecto á veciñanza:

Facebook Live: de luns 17 a sábado 21 no Facebook de Roman Army ás 12.30 horas, os arqueólogos cóntanche en directo a campaña. E a maiores, anécdotas e curiosidades ao longo do día.

Web de Roman Army: cada dous días, crónica en profundidade neste web.

Sábado 22 de abril:

Conclusións preliminares. Conferencia pública en Verín organizada polo concello. Fica pendente para saber a hora.

CLÁUSULA DE DIVULGACIÓN:

O “Proxecto de prospección arqueolóxica mediante técnicas de teledetección dos sitios arqueolóxicos de Outeiro de Arnás y Alto do Circo (Verín, Ourense)” coordínao o colectivo RomanArmy.eu e conta co apoio del: Concello de Verín (Ourense), Grupo de Investigación Síncrisis (Universidade de Santiago de Compostela), Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do CSIC e a asociación Monterrei Cultura e Territorio. Podes consultar o décalogo de actuación de romanarmy.eu aquí.

Leave a Comment

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *

*