Este luns 20 de agosto comezará a intervención arqueolóxica no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense). A intervención ten por obxectivo documentar e estudar pormenorizadamente o que é un dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular, realizarase do 20 ao 26 de agosto. Está dirixido por João Fonte, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, e nel participarán outros arqueólogos e investigadores do colectivo científico romanarmy, unha singular iniciativa de ciencia e divulgación que ten por obxectivos investigar a presenza militar romana no noroeste peninsular. No caso de Penedo dos Lobos, o obxectivo é entender o encaixe deste singular recinto no proceso de conquista e control do noroeste peninsular por parte do Imperio Romano. A campaña está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e o Grupo de Investigación Síncrisis, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.
A campaña realizará unha particular énfase na comunicación do traballo e dos resultados das intervencións. Todos os días entre o 20 e o 25, as 12 da mañá, os arqueólogos realizarán unha transmisión en vídeo en directo, a través de Facebook Live, contando as novidades do día (www.facebook.com/romanarmynw).
Ademais, o sábado 25 de agosto realizaranse actividades gratuítas abertas ao público. Ás 12 da mañá realizarase unha visita guiada ao campamento. O punto de xuntanza é na estación de esquí de Manzaneda. E, pola tarde, ás 19 horas, o salón de actos do concello de Manzaneda acollerá unha charla, tamén de acceso aberto a todo o público interesado, sobre a intervención arqueolóxica a cargo de João Fonte e José Manuel Costa García.