Caderno de campo, Historias, Sitios

Romper a baralla: o Outeiro de Arnás (I)

Un dos grandes desafíos no equipo de investigación de romanarmy.eu é entender de maneira integral o proceso de acción do exército romano no NW. Os arqueólogos traballamos cunha serie de formas definidas á hora de recoñecer campamentos romanos: a máis típica e tamén popular é o “naipe”, ese gran campamento en forma de carta da baralla do que obtemos trazas a partir das fotografías aéreas, dos datos lidar, etc. Os campamentos en forma de naipe contiñan grandes conxuntos de tropas, pero desde logo hoxe sabemos que non son as únicas formas de campamentos recoñecibles asociadas ao exército romano.

A cousa complícase, ademáis, cando falamos de unidades máis pequenas, vinculadas a control de territorios moi concretos e, sobre todo, vías de comunicación; a teoría é que estas unidades militares máis pequenas están asociadas a fases máis avanzadas dos procesos de conquista. Neste caso, as fortificacións xa non teñen unha traza de naipe, prestan unha gran atención a aproveitar a forma do terreo aínda que si manteñen a lóxica militar romana. O exército imperial tiña normas moi definidas de asentamento e, máis alá desas formas rectangulares e cadradas de formas redondeadas, é fundamental comprender a lóxica dos mandos da unidade á hora de establecer unha posición militar. E aquí entra todo un traballo de documentación, de comparación, de análise…

Ao longo de 2016 botámoslle un ollo a estes dous lugares do val de Monterrei: o Outeiro de Arnás e o Alto do Circo. O Alto do Circo xa estaba catalogado no PXOM de Monterrei como recinto defensivo altomedieval e o Outeiro de Arnás foi recoñecido a partir de técnicas de teledetección. Atópase xusto ao carón da autovía A75 a 426 metros de altura. Trátase dun recinto de planta poligonal, constituído por un pequeno talude de terra que apenas levanta uns 0,5 metros e un pequeno foxo pola parte máis accesible ao norte. A superficie total interior é de 0,5 hectáreas. Aínda que, por tamaño, podería coincidir cun pequeno castro, o certo é que o pequenísimo parapeto e a planta poligonal eliminaban esta hipótese, xa que os castros teñen murallas dunha gran altura e unha tendencia a murallas máis circulares. Nestas fotos podedes ver como o talude apenas levanta da superficie do tereo.

A cuestión é a adscrición cronolóxica deste lugar. Porque temos que ter en conta que estamos en Verín, nunha zona que, ademáis de ser fronteira durante moitos séculos, foi tamén cruce de camiños. Unha fortificación construída xusto nunha zona de importantes comunicacións pode corresponder a épocas moi distintas e, de feito, desde un priemiro momento, xunto á hipótese dunha posición romana tamén se pensou nunha fortificación de época moderna (século XVII) asociada ás guerras entre o reino de España e Portugal. De feito, unha das arqueólogas do equipo, Rebeca Blanco-Rotea, é especialista nestas fortificacións e o seu punto de vista é fundamental para complementar a ollada dos arqueólogos especializados en época romana. Para nós este aspecto é moi importante: en romanarmy.eu non pretendemos levar unha hipótese ata o final: interésanos tamén a interacción entre épocas, os paralelos e semellanzas entre exércitos e operacións militares. Todo iso xenera unha base documental que nos permite seguir as trazas de acontecementos bélicos con máis fiabilidade.

A prospección en Outeiro de Arnás durou dous días. Foron dúas xornadas de traballo incesante nos que se comezou a recoñecer o recinto. Tras a limpeza, a fortificación foi comezando a aportar información, desde unha fiada de pedras exterior, pasando pola aparición de dous importantes puntos de observación sobre o propio parapeto, un deles cunha gran acumulación de pedra en superficie. O equipo delimitou catro rúas de 3 por sesenta metros, e adicionalmente outras dúas, cubrindo zonas interiores do recinto e chegando ata os parapetos. Aproximadamente se prospectou un 40% do xacemento, unha cifra aceptable. E durante a prospección apareceron 38 evidencias físicas que agora xa están en proceso de análise e que nos permiten aproximarnos xa á cronoloxía e uso do Outeiro de Arnás. Unha primeira visión que abre perspectivas historiográficas moi importantes.

Pero volas contaremos esta noite. Publicaremos un post ás 21:30 cos resultados preliminares de Outeiro de Arnás. Seguídenos en romanarmy.eu ou no noso facebook para coñecer máis.

CLÁUSULA DE DIVULGACIÓN:

O “Proxecto de prospección arqueolóxica mediante técnicas de teledetección dos sitios arqueolóxicos de Outeiro de Arnás y Alto do Circo (Verín, Ourense)” coordínao o colectivo RomanArmy.eu e conta co apoio del: Concello de Verín (Ourense), Grupo de Investigación Síncrisis (Universidade de Santiago de Compostela), Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do CSIC e a asociación Monterrei Cultura e Territorio. Podes consultar o décalogo de actuación de romanarmy.eu aquí.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *