Historias

Investigadores de romanarmy.eu estudan a fortificación a máis altitude da provincia de Pontevedra

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2022. Arqueólogos do colectivo romanarmy.eu desenvolven desde hoxe unha campaña de prospección arqueolóxica no xacemento arqueolóxico a maior altura da provincia de Pontevedra, o Castelo do Faro, en Covelo. Localizado a 1148 metros de altitude nas proximidades do teito da provincia de Pontevedra, o Faro de Avión, os investigadores prospectarán a grande fortificación presente no lugar con distintas técnicas (incluíndo a xeofísica) e estudarán en detalle as súas estruturas mediante sondaxes arqueolóxicas. A campaña de intervención arqueolóxica está promovida polo concello de Covelo cunha subvención para actuacións arqueolóxicas da Deputación de Pontevedra. O seu director científico é o profesor da Universidade de Salamanca e arqueólogo José Manuel Costa García, comandando un equipo no que participa João Fonte, arqueólogo da Universidade de Exeter, Francisco Alonso Toucido (Tempos Arqueólogos) ou o investigador Manuel Gago (Universidade de Santiago de Compostela). A campaña durará ata o venres 17 de xuño.

O recinto foi descuberto polo colectivo romanarmy.eu con técnicas de teledetección e comunicada a súa existencia á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia en 2020. O xacemento ten unha planta de tendencia ovalada, conformada por unha muralla construída con pedra granítica local ocupando unha área de arredor das cinco hectáreas. A muralla adáptase á topografía local, cinguindo un amplo perímetro interior que non parece corresponderse co parcelario agrario da zona. Un aspecto particular da muralla é a existencia dunhas singulares estruturas cadrangulares adosadas á muralla e de función descoñecida e sen paralelos coñecidos noutros recintos fortificados.

Avanzar no coñecemento dos recintos en altura

Grazas aos avances tecnolóxicos e ás novas liñas de coñecemento da arqueoloxía europea, nos últimos anos localizáronse ao longo de Galicia numerosos recintos fortificados en altura ata o momento descoñecidos ou pouco investigados. A cronoloxía e adscrición cultural da maior parte deles é unha incógnita, constituíndo un dos principais desafíos científicos na identificación de sitios arqueolóxicos en Galicia. Unha das hipóteses de traballo de romanarmy.eu en relación a Castelo do Faro é que poida tratarse dunha fortificación romana de carácter temporal, debido ás súas dimensións, á súa morfoloxía e á proximidade a outros recintos fortificados de época romana que se atopan xusto ao sur, coa fronteira con Portugal e o río Miño polo medio.

“Con todo, a investigación poderá darnos datos que nos indiquen que o xacemento é doutra cronoloxía diferente ás que nós investigamos preferentemente, e iso é moi relevante, porque servirá para avanzar no coñecemento xeral sobre estes recintos. Queremos compartir este coñecemento con outros equipos de investigación”, sinalou José Manuel Costa García, profesor de arqueoloxía da Universidade de Salamanca e director científico da intervención arqueolóxica. O equipo de romanarmy empregará unha metodoloxía que combina distintas técnicas de detección remota con outras accións máis convencionais sobre o terreo. Desenvolvida a partir de intervencións noutras fortificacións temporais romanas, esta aproximación permite recabar o maior número de evidencias arqueolóxicas e mostras fiables para a datación e estudo das estruturas.

Debido a que non foi identificado como estrutura arqueolóxica ata o momento, o Castelo do Faro atópase considerablemente afectado por un parque eólico, que destruiu partes significativas do interior do recinto. A pista de acceso destruiu tamén partes da muralla perimetral do recinto.


Estruturas cadrangulares asociadas á muralla

Difusión do proxecto
Como é habitual no proxecto romanarmy.eu, os investigadores empregarán as redes sociais do colectivo para facer difusión en tempo real das novidades da campaña arqueolóxica directamente desde o xacemento. Deste xeito, o mércores 15 ás 11 h. realizarase unha conexión en directo a través de Facebook desde o recinto arqueolóxico -localizado en zona de alta montaña- para dar conta dos avances, e os vindeiros días tamén se subministrará información coas novidades.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *