Caderno de campo, Historias

Día 2 na Mesa. A Guerra Eterna

A xornada de hoxe está a mostrar que detrás da apracible e bucólica visión destas montañas escóndese unha historia tormentosa de conflitos, batallas e guerras polo control dunha importante vía de acceso ao norte peninsular. Aínda que o xacemento de Cueiru (Teverga) reúne características dun establecemento lexionario temporal, o asunto xa parece moito máis complexo.

Despues de preparar a área do campamento para a súa investigación a través do establecemento da cuadrícula que vos contabamos onte, o equipo comezou a prospección sobre o terreo. E non tardaron en aparecer os primeiros materiais. E son materiais de guerra…pero de distintas épocas entre si. Aquí están os testemuños de conflitos sucedidos no tempo. Exércitos e soldados que levan escollendo este lugar estratéxico, controlando o paso da Mesa, para situarse e combater durante centos de anos.

Valentín Álvarez, arqueólogo especialista en arqueoloxía do conflito en idade moderna e contemporánea, fai unha primeira valoración dalgúns dos materiais exhumados, pendente dunha revisión máis profunda en laboratorio.


“Esta é unha vaina dunha arma larga de lume central, posiblemente da Guerra Civil”, identifica Álvarez. A arqueóloga Rebeca Branco-Rotea, especialista en fortificaciones modernas, tamén revisa o material desde Braga (Portugal) ao pouco da súa aparición e coincide: “A vaina, a priori, coincide co mesmo tipo de munición que puidemos documentar no castelo de San Felipe, no Ferrol, cando escavamos un foso no que sabiamos que se realizaron unha serie de fusilamentos durante a Guerra Civil. Naquel caso concreto esta munición estaba feita nunha fábrica sevillana entre o ano 1936 e 1938”.

No caso do segundo obxecto enviado polo equipo que se atopa na montaña, Valentín Álvarez identifícao como: “un proxectil esférico dun arma de fogo de avancarga, podería moverse entre os séculos XVIII e XIX. Obviamente non é fácil de interpretar. Poden ser de conflitos como a carlistada ou a francesada, ou simplemente poden ser de caza”.

O resultado polo momento é tan intrigante como fascinante. Desde Cueiru, o arqueólogo David González sinala a importancia da documentación previa antes de meterse en traballos de campo. O equipo coñece ben que a vía da Mesa foi obxecto de conflitos ao longo da Historia. “Pensemos na fortificación lineal de El Muru, aquí na Mesa. O equipo de Jorge Camiño conseguiu datar por radiocarbono a súa construción, e foi en época altomedieval, entre os séculos VII e VIII. Ademais, localizaron materiais arqueólogos relacionables con elementos militares medieval e por documentación pénsase que foi tamén usado na Guerra da Independencia para frear o avance das tropas francesas”.

A Mesa viviu batallas como a de Lutos, no ano 794 cando as tropas de Abd ao-Malik, que venceran aos francos o ano anterior, caeron emboscadas polo exército de Alfonso II nun lugar angosto, posiblemente na zona setentrional do camiño da Mesa. E tamén foi escenario de refregas durante a Guerra Civil.

Así que o equipo está a atopar o esperado. Un lugar no que, pola súa posición, sucedéronse guerras, combates e exércitos ao longo de polo menos dous mil anos. “É posible que se cadra algunha das estruturas que estamos a identificar correspóndanse con traballos dun exército non romano, ou que fosen reaproveitadas?”, especulan agora en voz alta os membros do equipo. “Claro que hai que ser cautos coas estruturas terreras”, apunta Rebeca Blanco-Rotea, “porque este tipo de estruturas están documentadas non só en época romana, senón tamén noutros momentos, como durante a construción de fortificaciones abaluartadas ou mesmo a Guerra da Independencia, aínda que creo que pola súa configuración as que vemos na Mesa é moi posible que sexan romanas”.

Ata o momento, os materiais atopados fálanos de moitas épocas, dunha sucesión de conflitos sucedidos no alto das montañas asturianas, pero as lexións aínda non apareceron. Pero isto aínda acaba de empezar. Veremos que depara o día. Sigan conectados porque mañá temos máis sorpresas.

Historias

Día 1 na Mesa: Deixando os ollos en Cueiru

Andrés Menéndez e João Fonte enfróntanse a un dos momentos máis difíciles dunha prospección arqueolóxica de campamentos romanos. Pasar do modelo dixital visto no LIDAR (limpo, sen vexetación, no que os relevos se resaltan) a identificar o mesmo en superficie, con vexetación, cambios de luz. Están en Cueiru, un posible castra aestiva -un campamento temporal- dunhas cinco hectáreas, que parece presentar tamén un recinto interior difíciles dunha prospección arqueolóxica de campamentos romanos. Pasar do modelo dixital visto no LIDAR (limáis pequeno e que controla un estreito paso da vía da Mesa.

“Do LIDAR ao que se ve no xacemento cambia moito”, afirma Andrés Menéndez, un dos directores da intervención. “Aquí as estruturas vense pouco porque o seu desnivel está moi estendido e é moi difícil distinguir sobre o terreo”.


Joao Fonte y Andrés Menéndez confeccionando a microtopografía do sitio arqueolóxico.

Así que o noso equipo tivo que madrugar moito para chegar ao xacemento coas primeiras luces da mañá. Cueiru atópase a bastantes quilómetros do primeiro núcleo habitado. Tiveron sorte. Coa luz rasante “ven as sombras dalgúns noiros moi claros e, desde en fronte, parte da linea defensiva occidental”.

O equipo está a poñer un especial esforzo en recoñecer sobre o terreo todo aquilo distinguible para poder topografiarlo. O arqueólogo João Fonte é o responsable de dividir o enorme xacemento nunha cuadrícula que permite realizar a prospección superficial do terreo e anotar con máxima precisión a localización de cada achado na súa posición 3D. A maiores, “estamos a tentar facer unha microtopografía das zonas máis visibles para comparar co LIDAR”, sinala Fonte, que indica que o obxectivo é empregar distintas técnicas de levantamento e medición para obter información aínda máis detallada en campo que a que ofrecen as tecnoloxías de teledetección.

“O recinto superior está bastante máis amolado”, afirma Andrés Menéndez, que se está deixando os ollos para identificar calquera mínima alteración do terreo. A partir da cuadrícula que levantaron el e João Fonte, o resto do equipo busca en superficie materiais que poidan informar sobre a cronoloxía do xacemento, ademais da súa estrutura. Xa teñen os primeiros resultados nas súas mans. O xacemento está a falar. Pero o que conte saberémolo mañá.

Caderno de campo, Sitios

Romanarmy en acción: investigamos dous posibles campamentos en La Mesa

• Trátase dos recintos de El Xuegu la Bola (Arvechales, Somiedo) y Cueiru (Taxa, Teverga), ubicados a 1700 e a 1440 metros de altitude, sendo os sitios arqueolóxicos militares romanos a máis altitud da Mesa.
• No proxecto interveñen arqueólogos de diferentes institucións científicas españolas e europeas vinculados ao grupo romanarmy.eu
• A difusión dos achados farase en tempo real a través das redes sociais, nun experimento de divulgación científica

Comprobar a cronoloxía e a adscrición romana de dous importantes recintos militares da vía da Mesa, un dos principais itinerarios de entrada a Asturias desde hai miles de anos, é o principal obxectivo da campaña de prospección que se inicia este domingo e durará ata o luns 10 de outubro. Un equipo científico conformado por arqueólogos do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, das Universidades de Oviedo e Santiago de Compostela, así como das universidades de Durham e Exeter (Reino Unido) e Amsterdam (Holanda) atópase xa sobre o terreo realizando as tarefas de prospección arqueolóxica. A dirección do proxecto é levada a cabo polos arqueólogos Andrés Menéndez Branco, José Manuel Costa e David González.

Divulgación en tempo real
Unha das principais novidades da campaña arqueolóxica é a vontade de difusión e retransmisión en tempo real dos traballos arqueolóxicos, aproximando desta maneira a metodoloxía e a práctica científica aos cidadáns. A comunicación realizarase nas redes sociais, no facebook de Roman Army (www.facebook.com/romanarmynw) e na web corporativa do grupo: www.romanarmy.eu e facilitará a todos os interesados seguir os avances en canto ao recoñecemento dos xacementos e á súa interpretación. A través de formatos didácticos, ensaiaranse novos procedementos e estratexias de comunicación científica dirixida ao público xeral.

Continue Reading

Publicacións, Sitios, Técnicas

Este é o traballo que presentamos no 23. Limes Congress, o cal se celebrou en lngolstadt (Alemaña) en setembro de 2015. Amosamos alí o resultado dunha investigación desenvolta estes últimos anos ao redor da presenza militar romana no noroeste de Iberia e como a perspectiva historiográfica sobre a materia ten cambiado grazas a técnicas como o emprego da fotografía aérea e histórica ou o revolucionario LIDAR aéreo. Este sitio web presenta unha nova visión das campañas militares romanas no contexto da conquista e posterior reorganización do noroeste peninsular.

Aínda que o audio do vídeo está en inglés podes cambiar o idioma dos subtítulos a galego, castelán e portugués seleccionando na rodiña de engranaxe da esquina inferior dereita. Ao ser un vídeo interactivo. podes ademáis descargar arquivos KMZ con información gráfica adicional para cada un dos sitios arqueolóxicos dos que falamos. Precisas ter instalado o software Google Earth para abrir e ver estes ficheiros.

Nesta páxina podes ver tamén destacadas algunhas das conclusións máis interesantes derivadas da presentación pública destes dezasete asentamentos militares romanos.

Sitios

Unha nova visión da presenza militar romana no NW de Hispania

Neste mapa podes ver a nosa proposta sobre a presenza do exército romano no NW de Hispania en 2015. Xunto a sitios xa investigados e publicados previamente, engadimos dezasete novas localizacións que amosan unha presenza máis densa dos continxentes militares romanos, posibles novas liñas de avance en Asturias e as primeiras aparicións de posibles campamentos de marcha no territorio da Galicia actual.

Sitios

Un teatro de operacións no occidente astur durante as Guerras Cántabras

A nosa investigación amosa unha especial concentración de campamentos militares no occidente asturiano,seguindo os mesmos patróns de emprazamento que nos escenarios localizados en Cantabria e no oriente asturiano. Aínda que a bibliografía e as fontes históricas son moi parcas á hora de falar de escenarios bélicos nesta zona do occidente asturiano, as evidencias parecen indicar a existencia dunha vía de penetración que pode estar asociada ás Guerras Cántabras e á postguerra posterior.

Continue Reading

Sitios

Unha vía de penetración do exército romano ao territorio galego

Detectamos unha potencial vía de penetración das lexións romanas no territorio da actual Galicia. Isto é historiograficamente moi relevante, porque os campamentos romanos escavados ata o momento en Galicia corresponden a fases posteriores ao escenario de conquista do noroeste. Nesta vía de penetración podemos identificar cinco campamentos, dos cales catro están na Galicia actual.

O primeiro dos campamentos é Valboa, no Bierzo, moi próximo a Villafranca, sobre a vía tradicional de acceso a Galicia.

Unha posible base loxística romana en Sarria

Como se ten detectado noutros puntos da Península, o exército romano podía empregar de forma reiterada un espazo en diferentes campañas ou acoller máis dun campamento, se ese lugar encaixaba no seu escenario táctico. A Chá de Santa Marta, entre Láncara e Sarria, constitúe un conxunto arqueolóxico único en Galicia, con alomenos tres posibles campamentos romanos no punto de saída das montañas orientais de Galicia. Puido ter funcionado como base loxística e de agrupación de tropas.

Os tres campamentos de A Chá de Santa Marta na foto aérea de 1956

Afrontando o cruce do río Miño

O campamento de Monte dos Trollos (O Páramo, Lugo) está ubicado nunha posición estratéxica, no alto dunha lomba, e xusto nas proximidades dun vado natural do río Miño. A súa distancia con respecto a A Chá de Santa Marta é exactamente a un día de camiño.

Sitios

A incógnita occidental: dous novos campamentos sobre a Depresión Meridiana

Dous novos campamentos romanos foron identificados na área occidental de Galicia, e ambos os dous están moi próximos á Depresión Meridiana, a tradicional vía de comunicación da costa galega.


O campamento de Cornado (Negreira) dímolo a coñecer hai uns anos. É o campamento máis occidental, ata o momento, do continente europeo.

Un campamento na ribeira do río Miño

Na ribeira do Miño (Vilanova de Cerveira, Portugal) foi identificado o campamento romano de Campos. Ten grandes dimensións, desgrazadamente destruído na actualidade por un polígono industrial.

A aparente desconexión (ata o momento) entre Cornado, Campos e o resto dos campamentos fai máis difícil o seu encadre cronolóxico e a súa función. A súa datación pode ir desde momentos tardorrepublicanos ata o Imperio, pero revelan unha presenza moi temprana do Exército romano na costa occidental galega.