Historias

Máis luces que sombras

Non deixo de ollar unha das fotografías tomadas co dron o sábado pola mañá. Esa mesma que tivestes ocasión de ver estes días colgada no facebook e que tan boa acollida recibiu. Non podo quitarlle o ollo porque me fai viaxar. Volvo aos meus anos de estudante, cando percorría as páxinas dos libros de St Joseph, Swan, Davies, Breeze, Birley e moitos outros autores británicos, plagadas de ilustracións nas que a luz rasante realzaba os parapeitos de campamentos ben feitiños sobre verdes campos. Pensaba, entón, se algún día sería posible atopar algo así en Galicia. Sabemos agora que si. E isto está ben lonxe de ter rematado.

Preparando os equipos. Gardamos moi bo recordo da escaleira de ferro de 25 kg.

As fotografías aéreas e a limpeza da vexetación en superficie outorgáronos unha visión limpa dos vellos terrapléns, pero nesta intervención tiñamos que ir máis aló. Levamos moito tempo rañando a superficie, de forma remota e visitando sitios de xeito incansable, na busca de rarezas na paisaxe do noroeste peninsular. Pero esta foi a primeira ocasión que tivemos de afondar nas nosas sospeitas mediante a apertura dunha sondaxe que nos permitise explorar as estruturas perimetrais dun destes recintos. Para nós, a intervención tiña un pouco de ordalía metodolóxica.

Escavar é unha boa maneira de valorar canta terra hai en realidade no mundo.

Quizáis desde fóra estas cuestións non se aprecien, pero unha escavación arqueolóxica é, ante todo, un grupo humano que convive intensamente mentres trata de poñer orde nunha morea de datos que, a priori, non encaixan. Quen diga que non se botou as máns á cabeza algunha vez, que non tivo unha discusión ou diferencia de criterio cos compañeiros, minte. Afortunadamente, cando o equipo funciona, como é o caso, as bromas, risas e momentos distendidos son moito máis frecuentes.

Facer sombra para a foto. Arte escénica moi pouco valorada.

Hai un momento no que nada está claro e, inmediatamente despois, todo o está. A nosa particular crise aconteceu o xoves pola tarde. Tras un intenso debate, foi o criterio conxunto do máis vello (Valentín) e o máis novo (Fran) de nós o que primou. Logo dunha dura e reconfortante sesión spa de pico, sacho e pala, todo parecía ter máis sentido. O que descubrimos é o que agora vós mesmos vedes.

O sector sur do campamento romano da Penaparda contou cunhas defensas compostas por un parapeito de terra e pedra, así como por un foxo que nunca chegou rematarse seguindo a canónica sección en V. Dacordo co rexistro estratigráfico, os constructores do recinto comezaron a escavación deste último ata chegar ao sustrato rochoso e perfilaron a súa cara interna no xabre local. Unha primeira palada de terra foi botada ladeira arriba para formar unha terraza artificial e sabemos con seguridade que sobre ela situouse cara o interior do campamento unha fiada de pedras que delimitaría o terraplén, a modo de contención. Supoñemos que a cara exterior de este parapeito de pedra e terra sería unha estrutura taludada pero, por desgraza, atopábase derruída. Unicamente un corte seccionando as defensas permitiríanos ver este proceso con máis claridade.

Malia todo, o estado de conservación destas estruturas é sorprendente. Recordemos que se trata de elementos perecedeiros construídos hai dous mil anos! A nosa sorpresa converteuse en pura satisfacción cando o sábado pola mañá os veciños da comarca tiveron a ocasión de visitar e ollar as estruturas deste sector do campamento. Se a xente as pode ver e entender, é que demos un pasiño adiante. Significa que comezamos a rescatar estes xacementos das brétemas nas que se atopaban uns poucos anos atrás. Agora toca plantearse o seguinte paso: protexelos, conservalos e mostralos no seu antigo esplendor.

Jose Costa

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *