Caderno de campo, Historias, Sitios

romanarmy.eu investiga un novo recinto fortificado inédito entre Galicia e Portugal


Levantamento aéreo com recurso a drone do sitio do Alto da Raia realizado pelo Prof. José Alberto Gonçalves da Faculdade de Ciências da Universidade do Porto.

Entre hoxe luns 24 e o venres 28 de maio realizarase unha nova campaña arqueolóxica do colectivo de investigación romanarmy.eu, centrada desta volta nun recinto fortificado inédito na fronteira entre Galicia e Portugal. Trátase do sitio arqueolóxico de Alto da Raia, un fortificación de tendencia rectangular descuberta por este colectivo recentemente. A intervención arqueolóxica busca validar a hipótese de que se pode tratar dun campamento militar romano. De ser así, este sitio arqueolóxico tería un gran valor histórico para coñecer os procesos de conquista e asimilación deste territorio por parte de Roma. O proxecto está financiado pola Comisión Europea a través do proxecto Finisterrae, liderado polo arqueólogo da Universidade de Exeter João Fonte e conta con apoio financeiro e loxístico do Município de Montalegre, Junta de Freguesia de Tourém, Ecomuseu de Barroso e do Concello de Calvos de Randín.

Dominio sobre o val
O recinto de Alto da Raia foi identificado a través do procesamento a análise dos datos LiDAR subministrados polo Instituto Geográfico Nacional (IGN) a través do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea, que na última década está multiplicando a detección de sitios arqueolóxicos. Os datos permitiron apreciar un recinto fortificado de case tres hectáreas de tamaño que domina o val do rio Salas. Pode apreciarse un talude de terra que se conserva en tres das caras do recinto defensivo. Adicionalmente, pode existir un foxo exterior que complementaría polo exterior esta defensa. A morfoloxía do talude, o tamaño e a disposición do recinto permite soster a hipótese de que se trate dun campamento militar romano. A intervención arqueolóxica, realizada en colaboración coa empresa Era-Arqueologia, procurará validar esta hipótese.


Talude do recinto

Un proxecto de investigación de gran escala
A intervención de Alto da Raia inscríbese dentro do proxecto Finisterrae (https://cordis.europa.eu/project/id/794048), financiado pola Comisión Europea a través dunha bolsa Marie Skłodowska-Curie (grant agreement 794048). Este ambicioso proxecto de investigación arqueolóxica pretende coñecer cal foi o impacto da primeira romanización no amplo territorio ubicado entre o sur de Galicia e o norte de Portugal. Neste contexto, xa se realizaron dúas intervencións previas ao longo de 2020 nos campamentos militares romanos de Alto da Pedrada (Soajo, Arcos de Valdevez) e de Lomba do Mouro (Castro Laboreiro, Melgaço e Verea, Ourense), todos eles localizados na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

Transmisión en directo
A intervención será transmitida en directo a través das redes sociais de romanarmy.eu. O luns, mércores e venres, o arqueólogo João Fonte realizará conexións en directo desde o Alto da Raia no facebook corporativo de romanarmy.eu, ofrecendo a actualidade do estudo arqueolóxico e permitindo os usuarios coñecer a evolución da intervención.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *