Día 3. As lexións aparecen

Tras tres días de investigación as nosas investigacións previas coas tecnoloxías de teledetección tiveron unha verificación directa sobre o terreo. Xa podemos avanzalo. Confirmamos presenza militar romana en Cueiru. “Recollemos en campo un conxunto de materiais de diversos tipos asociados ao tipo de material que se adoita localizar nun campamento temporal deste tipo”, afirma o arqueólogo José Manuel Costa.

Pendente dunha investigación máis exhaustiva e da limpeza detallada dos materiais, o noso equipo xa dispón de evidencias ao redor do tipo de ocupación que fixeron as lexións romanas neste lugar e xa se abren novas hipóteses sobre este xacemento. Hai que ter en conta que buscar evidencias nos campamentos temporais romanos é como buscar unha agulla nunha palleira. Estes recintos estaban habitados de maneira provisional por moi pouco tempo, polo que quedan rastros mínimos de ocupación. Así que o noso equipo en campo atopou a agulla.

A agulla máis ben é parte dun coitelo que “pola súa tipoloxía encaixaría neste período”, afirma José Manuel Costa, “xunto con varios vástagos e pezas de ferro que encaixan coas tipoloxías de chavellas das tendas de campaña” que son moi características destes campamentos de marcha. Outro conxunto de materiais están pendentes dunha restauración que permita determinar a súa función e forma.

Para David González, tamén en campo, “confirman a sospeita da importancia da vía da Mesa como ruta de penetración do exército durante a fase de conquista e control territorial desta área. Non é unha idea nova. Varios autores lévana sostendo desde mediados do século XX. Pero o importante é que nos últimos anos polo menos cinco espazos fortificados na Mesa potencian a forza desta idea?. David González sinala a relevancia historiográfica destes novos achados: “Cremos que a vía da Mesa ten a mesma importancia que outras máis coñecidas en Asturias, como a da Carisa”.

Dous episodios?
Tres días na montaña dan para moito. Unha clave é que, por moito que se estuden estes recintos militares desde o espazo, non é o mesmo que estudalos directamente sobre o terreo, percibir as condicións climáticas, a visibilidade e a disposición do terreo. “Xa percibiamos nas imaxes LIDAR que aquí había dous recintos”, afirma José Manuel Costa, “un deles axústase e cingue un cume desde a que controla a vía, pero agora estamos a pensar que houbo dous momentos de ocupación. Nunha segunda fase este campamento púidose ampliar e esténdese a outro cume que controla máis territorio e ten unha maior superficie de acampada e máis abrigada do vento”.

A arqueoloxía por agora non alcanza a saber por que en Cueiru puidéronse producir dous episodios de ocupación romana. Constatar esta hipótese requiriría unha intervención máis ampla, pero o horizonte está aberto. A ciencia está a descubrir o que non contan ?non sabemos por que- as crónicas dos vencedores. Pero aínda nos queda moito, moitísimo, por investigar aquí. Xa estamos a mirar no horizonte o Xuegu a Bóla, o noso próximo destino nestas montañas. Continuade connosco esta semana!

Para saber máis:

El Mouru y la presencia del ejército romano en la Mesa [descarga en PDF o noso artigo]

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*