Catro novos campamentos romanos localizados en Galicia

Ven de publicarse na revista científica Gallaecia. Revista de arqueoloxía e antigüidade, editada polo Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, a descuberta de catro novos campamentos romanos localizados nas provincias de Lugo e Ourense. Estes sitios confirman unha activa presenza militar romana no territorio da actual Galicia e o seu achado permite afondar no proceso de conquista por Roma destes territorios. Desde 2011, cando se deu a coñecer a existencia de A Recacha (Navia de Suarna), ata 17 novos asentamentos militares foron documentados –total ou parcialmente- en Galicia, estando algúns deles aínda na fase de estudo previa á súa publicación. A eles habería que engadir os fortes altoimperiais de A Cidadela (Sobrado dos Monxes, A Coruña) e Bande (Ourense).

O recinto de Penedo dos Lobos.

O artigo, titulado “Hallazgos arqueológicos recientes para el estudio de la presencia militar romana en el oriente gallego” e asinado polos investigadores José Manuel Costa-García, João Fonte, Manuel Gago Mariño, Andrés Menéndez Blanco e Valentín Álvarez Martínez, recolle os seguintes recintos:

A Penaparda (A Fonsagrada, Lugo – Santalla d’Ozcos, Asturias). Este campamento dunhas dez hectáreas de extensión foi escavado este mesmo mes de outubro polo equipo romanarmy.eu, nunha intervención promovida polo concello da Fonsagrada e financiada pola Deputación Provincial de Lugo. Os arqueólogos documentaron o xeito no que o recinto foi construído polos lexionarios, cun parapeto de pedra e terra, así como un foxo exterior.

O recinto de A Penaparda. Visualización LiDAR.

Monte de Ventín (Pol, Lugo). Trátase dun recinto de enorme estensión en forma de naipe irregular, ubicado na parroquia de Santiago de Ventín e moi próximo ao castro de Viladonga. Ten 13,55 hectáreas e puido ter albergado entre 6.600 e 8.600 soldados, sendo un dos máis grandes do noroeste peninsular.

O recinto de Monte de Ventín. Visualización LiDAR.

Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense). Este recinto atópase ubicado a case 1.500 metros de altitude e moi preto da estación de esquí de Manzaneda, e ten unhas 2,4 hectáreas (ao redor de 1500 homes). Conserva as catro portas de entrada e está construído cun parapeto pétreo, sendo un dos poucos exemplos da Península Ibérica deste tipo. É ademais un dos recintos militares romanos temporais mellor conservados ata a data.

O recinto de Penedo dos Lobos. Fotografía aérea.

Cabeza do Pau (Petín, Ourense). O recinto atópase as parroquias de Mones e Santoalla do Monte, a máis de 1200 metros de altitude. Tamen dispón dun parapeto de pedra e está cinguindo o cumio dun monte, nunha posición dominante sobre o seu contorno. O parapeto delimita unha área de 11 hectáreas, aínda que a superficie útil de acampada podería ser moito menor.

O recinto de Cabeza de Pau. Visualización LiDAR.

Os catro novos campamentos romanos localizados revelan a dispersión das operacións militares romanas por todo o territorio e o movemento das tropas militares, aínda que non sexa posible determinar aínda as direccións nin as misións que afrontaban estes continxentes. Así mesmo, aínda non é posible verificar polo momento episodios de violencia e conflito bélico contra a poboación galaica, pero cómpre sinalar que atopar evidencias de confrontación é algo sumamente dificil no contexto da investigación sobre a conquista romana da Europa atlántica.

Podes descargar o artigo neste enlace.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*