Volvemos ás terras do Odra- Pisuerga. Como lembraredes, en agosto de 2017 exploramos as estruturas militares romanas situadas na comarca de Sasamón (Burgos), baixo a impresionante presenza do Cerro Castarreño. No seu cumio existe un oppidum –gran castro- que o noso compañeiro Jesús García comezou prospectar en 2008 con motivo da súa tese doutoral, recuperándose numerosos materiais da Segunda Idade do Ferro. Aquí, as fotografías aéreas tomadas en 2011 e 2012, a prospección xeofísica de 2017 e un novo vóo con dron en 2018 mostran a presenza de anomalías que poderían corresponderse cun foso e un muro de pedra. Esta posible fortificación garda un enorme interese para nós, pois esta comarca xogaría un importante rol nas primeiras fases das Guerras Astur-cántabras (29-19 a. C.), tal e como diversos autores clásicos expresan nos seus escritos. Por tanto, interésanos coñecer a secuencia de ocupación e abandono deste castro pre-romano (seguramente a Segisama dos Turmogos) no contexto da presenza militar romana testemuñada nos campamentos da zona.
Ademais, en paralelo á escavación destas estruturas, imos restaurar, debuxar e catalogar unha serie de materiais arqueolóxicos que se localizaron ao longo do tempo nas inmediacións da veciña cidade de Sasamón, posiblemente a Segisamo fundada en época augustea tras o abandono (pacífico ou violento?) do castro da Segunda Idade do Ferro de Cerro Castarreño. O conxunto de materiais é variado e heteroxéneo (cerámica de diversos tipos, metais, vidros, etc.). Algúns elementos poden achegar datos sobre a cronoloxía xeral da cidade e sobre a súa vida diaria.
Dado que en Romanarmy cremos nun modelo de ciencia en aberto, en comuñón coa sociedade, durante os próximos días desenvolveremos diversas actividades abertas ao público sobre as que iremos informando puntualmente. A todos aqueles que non poidades achegarvos, a actividade nas redes sociais manteravos igualmente ao día dos avances. Todos os días unha nova historia ás 12 da mañá. Sodes todos benvidos!



