E despois da conquista, que?

Roma non veu aquí a nada. Detrás da conquista hai uns intereses que moven ao nacente Imperio a despregar todas as súas forzas sobre un pequeno recuncho nos confíns occidentais de Europa. Entre eses obxectivos estaban os abundantes xacementos de ouro do Noroeste ibérico, especialmente ricos en zonas como a comarca leonesa de Cabreira. Co fin de estudar o impacto da conquista e as profundas transformacións que a seguen, o pasado mes de agosto os nosos compañeiros Andrés Menéndez, Valentín Álvarez e David González escavaron no poboado fortificado do Castru (A Costa, León).

A intensísima actividade mineira deste territorio nos séculos I e II d. C., con complexos produtivos tan notables como os das saias do Teleno, implicou uns cambios radicais nos poboados preexistentes e a fundación doutros asentamentos novos. O importante recinto fortificado do Castru non foi alleo a iso, á vista das abundantísimas escorias de ferro localizadas na súa contorna. Por esta razón foi escollido para abrir unha sondaxe valorativa que puidese dar pistas acerca do seu potencial arqueolóxico, que se amosou impresionante. Ata o momento, a breve campaña realizada este verán permitiu sacar á luz parte dunha estancia que, a xulgar pola gran cantidade e tipoloxía dos materiais atopados, pode considerarse un almacén de época romana.

A intervención foi financiada polo Concello de Truchas, a Xunta Veciñal de La Cuesta e o Instituto Leonés de Cultura da Deputación de León. Actualmente os materiais están en proceso de estudo e estase considerando a preparación de novas campañas dados os excelentes resultados obtidos.

Como complemento á escavación realizouse unha prospección do territorio que facilitase a contextualización do xacemento. Isto permitiunos localizar e inventariar para a súa protección un novo campamento militar temporal romano no val do río Eria.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*