Historias

Arcos de Valdevez pon en valor o Alto da Pedrada

O concello portugués de Arcos de Valdevez porá en valor neste 2020 o recinto fortificado do Alto da Pedrada, financiando unha intervención arqueolóxica no sitio que permitirá coñecer máis sobre o que é un dos campamentos romanos mellor conservados do noroeste peninsular. Alto da Pedrada foi localizado por romanarmy.eu a partir do estudo da zona que permitiron os datos LiDAR cedidos pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho).


Ubicación das portas en clavícula no Alto da Pedrada. Fonte datos LiDAR: CIM Alto Minho.

O campamento romano do Alto da Pedrada está situado nunha paraxe espectacular da Serra do Soajo, a 1416 metros de altitude, en pleno Parque Nacional da Peneda-Gerês. As especiais condicións de aillamento do xacemento arqueolóxico, lonxe das estradas e dos núcleos de poboamento da zona, facilitaron a preservación de boa parte do recinto fortificado e mesmo de tres das súas características portas en clavícula. O seu paralelo máis próximo no noroeste peninsular é o campamento romano de Penedo dos Lobos, en Manzaneda (Ourense) investigado por romanarmy.eu no verán de 2018. O recinto, de pequenas dimensións (1,5 hectáreas) está delimitado por unha muralla de pedra de dous metros de anchura conservada en tres dos lados e se adapta á topografía local.

Precisamente un dos aspectos máis chamativos do recinto do Alto da Pedrada é que esa muralla foi construída a partir da abundante pedra existente no outeiro. Nas fotografías aéreas, como podedes ver, apréciase o “negativo” das zonas das que se retirou o material, inmediato ao lugar de construción da muralla. Deste xeito, os militares construíron a muralla con pouco esforzo e ao mesmo tempo fixeron máis regular e transitable un paso de ronda pola parte interior da muralla.

A campaña, que se levará a cabo neste ano 2020 co apoio do concello de Arcos de Valdevez, permitirá coñecer máis a presenza do exército romano na antiga Gallaecia e converterase no primeiro campamento romano intervido arqueoloxicamente no norte de Portugal, un territorio no que ata agora a información sobre a presenza de continxentes militares romanos era mínima. É parte do proxecto de investigación Finisterrae financiado no marco do programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea baixo unha Marie Skłodowska-Curie Individual Fellowhisp (grant ID 794048) que o arqueólogo da Universidade de Exeter João Fonte, membro de romanarmy.eu, está levando a cabo para comprender as transformacións na paisaxe e na sociedade no norte de Portugal entre o final da Idade do Ferro e os inicios da romanización. O concello de Arcos de Valdevez confía en que “esta intervenção contribuirá para a posterior valorização desta importante estação arqueológica do nosso concelho, e, ao mesmo tempo para a dinamização cultural e turística de Arcos de Valdevez”.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *