Historias

Santa Baia (Soandres, A Laracha): de castro a campamento romano

Un dos campamentos máis singulares publicados no noso artigo The reassessment of the Roman military presence in Galicia and Northern Portugal through digital tools: archaeological diversity and historical problems (aquí podes consultar toda a información) é o de Santa Baia (Soandres, A Laracha, A Coruña). Trátase do recinto fortificado romano ubicado máis ao norte da actual Galicia, no territorio ocupado por un dos pobos galaicos máis mencionados polas fontes clásicas: os ártabros. Localízase, ademais, non moi lonxe da antiga Brigantium.

Fonte: Peralta Labrador, E., & Camino Mayor, J. (2015). Conclusiones sobre las Guerras Ástur-Cántabras. In J. Camino Mayor, E. Peralta Labrador & J. F. Torres-Martínez (Eds.), Las Guerras Astur-Cántabras (pp. 345-375). Gijón: KRK Ediciones.

Santa Baia é un caso especial porque prantexa interesantes cuestións ao redor da relación entre campamentos romanos e castros indíxenas. No contexto das guerras cántabras temos varios exemplos de castros reocupados por tropas romanas, como poden ser os de Monte Bernorio e La Loma (Palencia), así como Santa Marina ou La Espina del Gállego (Cantabria). Nas Illas Británicas tamén hai varios exemplos moi coñecidos, como poden ser Hod Hill en Dorset, ou Brandon Hill, preto de Gales.


Campamento de Hod Hill, na zona alta do castro. Fonte: Castlesfortsbattles.co.uk


Monte Bernorio. Foto: Google Earth

Pero en todos estes casos, é o campamento romano o que se sitúa no interior do castro, tipicamente na zona máis elevada e doada de defender. As dimensións permiten situar aquí pequenas guarnicións que constrúen defensas adicionais, conformando un castellum moi vinculado ao control do territorio circundante. Non é doado saber que sucedeu coa poboación indíxena que habitaba nestes castros no momento da construción das defensas romanas, aínda que no caso de Monte Bernorio ou da Espina del Gallego, por exemplo, documéntanse episodios de asedio e destrución dos castros -en particular das dúas defensas- previos á construción da fortificación romana.

Pero o caso de Santa Baia é distinto. Porque se nos anteriores o castellum sitúase no interior do castro, no caso de Santa Baia, o campamento sobarda os límites do castro e a fortificación indíxena queda no interior do campamento. Santa Baia, ademáis, non pode ser considerado unicamente un castellum para un pequeno continxente. As súas dimensións, superiores ás cinco hectáreas e cunha estimación de ocupación entre 2500 e 3650 soldados, conforme explicamos no artigo, sitúano nun rango intermedio dentro das dimensións dos campamentos que localizamos no Noroeste. Unha hipótese derivada do noso recoñecemento in situ do xacemento pasa porque o castro xa estivera abandonado no momento da chegada do exército romano, sendo fundado e habitado na primeira Idade do Ferro. Porén, serán precisos ulteriores estudos para ter claro se os dous recintos coexistiron de algún xeito, ou se simplemente se sucederon no tempo. O que se trata é dun caso estremadamente estraño: no ámbito europeo occidental polo momento é o único que coñecemos.

Do que non cabe ningunha dúbida é de que o campamento se atopa nunha localización de singular valor. O outeiro é doado de defender e se atopa nun importante nó de comunicacións que é límite entre terreos de monte alto (Monte Xalo) e os vales prelitorais.

Pero en Santa Baia tamén se conservou unha intrigante tradición oral. Recollimos dos veciños a historia de que, como o é habitual, o castro estaba habituado polos mouros. Pero os veciños se esforzaron en precisar que nunha zona xusto embaixo do castro, ao noroeste, tamén habitara outra xente. Segundo as súas palabras, nesa zona “acamparan os fenicios”. A zona indicada polas fontes coincide coa parte do recinto que reune mellores condicións para o acampamento de tropas.

Este é un exemplo de algunhas abraiantes historias de tradición oral que parecen recoller a memoria dun acampamento de escasa duración establecido hai dous mil anos por un continxente militar. Non é o único caso en Galicia. No futuro faremos algunha publicación en relación a esta sorprendente memoria tradicional.

Neste vídeo podes ver unha visualización do modelo dixital do terreo e do campamento:

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *