Próximo obxectivo: un novo campamento en A Fonsagrada

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2017. Arqueólogos de diferentes universidades europeas reunidos no colectivo romanarmy.eu investigarán na primeira semana de outubro un campamento romano de grandes dimensións localizado no concello da Fonsagrada (Lugo) e descoñecido ata o seu descubrimento a finais de 2015. O campamento, localizado nunha zona denominada A Pena Parda, atópase a 865 metros de altitude e ocupa máis de 10 hectáreas de terreo, o equivalente a máis de doce campos de fútbol. É un dos máis grandes localizados ata o momento en territorio galego, aínda que parte do recinto penetra no concello asturiano de Santa Eulalia de Oscos. O proxecto, promovido polo concello da Fonsagrada e financiado pola Deputación Provincial de Lugo, desenvólvese ao abeiro científico do grupo de investigación Síncrisis do Departamento de Historia da Universidade de Santiago coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.

Parte dunha liña de avance lexionaria
Segundo os investigadores, o campamento de A Penaparda ten as dimensións suficientes para albergar a unha lexión completa, con máis de cinco mil soldados, e a investigación parte da hipótese de que se poida tratar dun asentamento militar temporal de época romana altoimperial, entre os séculos I a.C. e III d.C. A fortificación, que se se atopa moi degradada sobre o terreo e que só puido ser localizada a partir do estudo da fotografía aérea e especialmente grazas á tecnoloxía LiDAR, conserva aínda as características portas en clavícula que definen os campamentos de marcha das lexións.

Os arqueólogos consideran que A Penaparda pode ser una evidencia dunha liña de avance a través das montañas da zona fronteiriza actual entre Galicia e Asturias dun numeroso continxente militar romano. O obxectivo da campaña arqueolóxica será tentar obter datos que permitan afinar a cronoloxía da fortificación. Un primeiro estudo aparecerá sobre A Penaparda e outros novos campamentos romanos en Galicia aparecerán en breve na revista académica Gallaecia, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Unha nova visión da conquista romana do noroeste peninsular
O colectivo de investigación romanarmy.eu reúne a un conxunto de arqueólogos profesionais, investigadores e profesores universitarios das universidades de Santiago de Compostela, Oviedo, Braga (Portugal), Durham, Exeter, Edinburgo (Reino Unido) ou Leiden (Holanda) que estudan a presenza do exército romano no noroeste da península ibérica, poñendo énfase nos episodios de conquista e invasión que remataron co dominio romano efectivo de toda Hispania nos tempos do emperador Octavio Augusto. Nos últimos anos, o colectivo está a localizar numerosos campamentos romanos, ata agora inéditos, no territorio da antiga Gallaecia, ofrecendo unha nova visión sobre a presenza das lexións romanas neste territorio. Durante moito tempo considerouse que a zona da actual Galicia ficara allea ás campañas militares da conquista romana, que se terían desenvolvido case exclusivamente en Asturias, León e Cantabria.

Actividades de difusión
Entre as actividades de difusión que se levarán a cabo se realizarán todos os días transmisións en directo a través de Facebook Live de romanarmy.eu e se realizarán experimentos de comunicación, como a realización dun pequeno documental experimental filmado en 360º para ser visualizado con gafas de realidade virtual ao redor da experiencia de investigación arqueolóxica. A información pode ser consultada no sitio web do colectivo: www.romanarmy.eu.

Ademais, realizarase unha charla explicativa para os veciños o venres 6 de outubro pola tarde ás 19 horas no Salón de Actos dos Chaos e unha visita guiada o sábado 7 de outubro pola mañá, ás 11, partindo da igrexa de San Cibrán da Trapa.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*