Historias

The Matrix : 3-1 vs 6-1.
The Matrix : 3-1 vs 6-1.

Tras pasar un tempo dende que os meus seis compañeiros varóns deixaron a montaña, escribo este pos-post, con certo reposo; mentres eles desenvolvía o seu traballo de campo en Asturias, eu seguía a campaña dende Braga a través dos seus correos electrónicos e mensaxes de WhatsApp. Ven a miña retina aquela última imaxe na que eles se dirixían cara á néboa, cun camiñar pesado que arrastraba o cansancio dos días e, tal vez, a nostalxia do que remata, pechando unha campaña que deixaba bo sabor de boca e contestaba a algunhas preguntas mentras abría novos interrogantes.

Continue Reading

Publicacións, Sitios

paginas-desdeblanco_costa_fonte_gago_goncalves_2016_a_modern_age_bar_reports

Nestes días os nosos colegas Rebeca Blanco-Rotea, Jose Costa, João Fonte e Manuel Gago recibiron boas noticias. O seu traballo “A Modern Age redoubt in a possible Roman camp. The relationship between two defensive models in Campos (Vila Nova de Cerveira, Minho Valley, Portugal)” –Un reduto da idade moderna dentro dun posible campamento romano. A relación entre dous modelos defensivos en Campos (Vila Nova de Cerveira, Portugal)- foi publicado como parte do último número da prestixiosa revista Journal of Archaeological Science: Reports (JAS-REP).

Continue Reading

Caderno de campo, Historias

Talude de Xuegu la Bola

Hai unha especie de lei de Murphy arqueolóxica que conta que no último día dunha prospección ou escavación sempre aparece un achado importante.

Pola nosa banda, podemos confirmarvos que é así.

Despois de ter éxito en Cueiru, onde localizamos un conxunto de materiais asociados ao exército romano, empezamos a prospección no seguinte sitio arqueolóxico: El Xuegu la Bola, do que vos falamos estes días. A 1.700 metros de altitude as condicións de traballo son máis duras: un vento frío percorre as dorsais e péganos todo o día no corpo, non hai lugares de refuxio e as condicións empinadas do sitio fan o traballo de prospección extenuante.

E hai máis. O día 6 amenceu pesado, coas nubes baixas, cheo de néboa. Andrés Menéndez e David González especulan que quizais o Xuegu la Bola conseguiría sobresaír por riba da néboa, como outras veces, pero ao atravesar a braña de Piedraxueves xa nos quedou claro que non ía ser así. Estamos metidos no medio dunha espesa nube que non ten ningunha pinta de moverse. Choveu toda a noite e a pista é un lameiro. Nin sequera a música de Daft Punk, que João Fonte pica sempre que temos que atravesar un complicado regato, serve para que o todoterreo consiga remontar terreo, así que nos expoñemos ou a facer intentos perigosos e absurdos de remonte co coche ou a cargar co equipo e acceder ao campamento andando, pola vía da Mesa. Acabamos decidindo esta opción.

O problema é que nos dous días anteriores e no que levamos de terceiro o xacemento non respondeu nada: está arqueoloxicamente mudo, aínda que aparecen pequenos descubrimentos que nos entusiasman, como unha posible cabana ou curral nunha especie de terraplén, na zona alta do Xuegu. Se en Cueiru os días de traballo ofrecéronnos unha importante colección de materiais -dos cales, moitos posteriores ao mundo romano-, aquí en Xuegu la Bola non aparece nada. O illamento do lugar quizais inflúa neste aspecto. “Estamos a traballar un pouco desquiciados”, sinala David, que expón irse. A tozudez doutros membros do equipo, como José Costa, fan que decidamos estar máis tempo.

Prospectamos nunha zona baixa, non lonxe dunha das claviculae de entrada do recinto. Nos nosos voos con drone podemos apreciar de maneira impresionante o noiro nun dos lados. Sabemos que El Xuegu é unha estrutura arqueolóxica enorme, pero resístese. Mesmo para o drone. A néboa ascende a montaña e logo derrúbase pola dorsal do campamento, impedíndonos traballar no modelo 3D ao pecharnos a visibilidade nunha área tan grande como a de El Xuegu.

Ata o último momento, no que todo cambia. O equipo localiza unha peza magnífica, unha punta de venablo, que é retirada e documentada con máxima precisión e coidado. “Trátase dunha peza de enmangue tubular, describe José Costa, que iría encaixada nun mastro de madeira e que, probablemente é dun venablo, unha arma lixeira e arreboladiza. Esta tipoloxía usouse ao longo da historia pero neste caso, polo contexto e o grao de deterioro no que apareceu, pode pertencer a época romana.

E non é a única. Aparecen outros fragmentos tamén vinculados ao equipamento militar que cambian a visión e interpertación do xacemento, asociándoo xa á presenza militar romana no Camín da Mesa. A hipótese inicial, determinada polo equipo para partir do estudo dos datos LIDAR, a localización e a morfoloxía do lugar, queda confirmada. Xunto coa Carisa, El Xuegu a Bóla é un dos campamentos de maior altitude do exército romano.

A campaña foi tremendamente satisfactoria. Temos pezas como fragmentos de pilum, cravos de caliga, un coitelo afalcatado que, a falta da súa restauración e estudo detallado, asimílanse a materiais recuperados noutros castra aestiva do NW”, sinala David González.

Na Mesa a historia e o pasado son fillas da néboa, que nos esconde cousas e móstranos outras, ás veces claramente, outras veces de maneira borrosa. A ciencia é, aquí, o exercicio de tentar ver a través da néboa. Cando esta ábrese, no alto de El Xuegu La Bóla, divísase de lonxe o porto da Mesa, por onde entraron as lexións fai dous mil anos desde a conca do Douro. Cada doce quilómetros estableceron un novo campamento para miles de soldados. Aquí, en El Xuegu La Bóla, o xacemento máis ao sur en territorio astur nesta serra, por agora pérdese o rastro deste continxente de soldados que cambiou a historia do noroeste.

As investigacións permítennos avanzar, aos poucos, neste episodio. Agora restan moitas horas de estudo dos materiais, de laboratorio, e de novo co resto das ferramentas informáticas. O ano que vén tocará avanzar de novo en campo. Alí estaremos nós e convidámosvos a que nos acompañedes. Grazas por seguirnos nesta campaña.

Caderno de campo, Historias

Desde Teverga a subida á nosa zona de estudo está entre hora e hora e media, dependendo das condicións climáticas. Unha hora a tumbos pola serra da Mesa dan para moito. Os membros do equipo van observando unha paisaxe que conta moito máis que unha conquista romana.

“Miramos e pensamos que nós estamos a estudar un período histórico moi concreto. A guerra de conquista e ocupación provocou un cambio tremendo neste territorio, unha ruptura coas paisaxes das comunidades castrexas”, sinala David González. “Pero ás veces non somos conscientes doutros acontecementos que tamén xeran enormes rupturas”.


Venta de Piedra Xueves

Porque a sensación do equipo é de atravesar unha paisaxe agonizante, unha paisaxe que desaparece. Percorremos no 4×4 enormes extensións de pasteiros. E aquí e alá recoñecen ruínas que falan doutros procesos culturais, dunha gandeiría que se abandona e se transforma. “Poderiamos facer retroceder ata o Neolítico a paisaxe de aproveitamento gandeiro, e os primeiros grupos de pastores, pero agora mesmo está a desaparecer”, explica David González.

“Só unha pequena parte dos materiais que recuperamos nos campamentos son romanos”, sinala Andrés Menéndez, porque estamos a ver territorios que foron continuamente reocupados, e non só por conflitos bélicos posteriores. “Cravos de ferraduras, ferraduras, cencerros, tesoiras de esquilar”, enumera Menéndez. E ten sentido, porque as paisaxes vanse superpoñendo no tempo. “Só en Cueiru, aos pés do campamento, hai máis de vinte cabanas no chan”. Ese lugar foi un espazo central durante séculos para as comunidades que vivían ao redor da serra da Mesa, que cara ao final do verán organizaban alí unha gran romaría á que acudía xente de todas as aldeas.

Ata o punto de que durante a charla que romanarmy.eu deu o sábado pola noite aos veciños de Teverga, un deles preguntou se as lexións escollían como campamentos espazos simbólicos importantes para os indíxenas. José Manuel Costa encolleuse de ombreiros e respondeu: “é a pregunta do millón. Non se pode pechar nada. É moi posible que haxa motivos sobre todo militares, pero sabemos que os romanos con frecuencia tentan apropiarse da simboloxía anterior como unha maneira de integrala”. O veciño estaba a lembrar a importancia simbólica da romaría de Cueiru. É posible que nunca saibamos cales foron todos os criterios do mando romano para asentarse en Cueiru, pero quizais esa centralidade que fai que nel celébrese unha romaría compartida por todos teña algo que ver coa elección, de forma directa ou de forma indirecta.

“Nós estamos a estudar un proceso de cambio cultural pero en realidade, aquí arriba, agora mesmo está a suceder outro”, apunta David González. Ese cambio é unha derrota: a do vello sistema gandeiro da Asturias tradicional.

Caderno de campo, Historias

Ao cuarto día abandonamos Cueiru para enfrontarnos ao seguinte xacemento. Trátase do Xuegu la Bola. “Atópase a 1700 metros de altitude e é o campamento que se atopa máis ao sur pola Vía da Mesa”, sinala Andrés Menéndez, quen o localizou hai un ano a través do LIDAR, “sería o primeiro que se atoparía de toda a linea de campamentos, se o exército romano avanzou desde o sur, desde León”. Menéndez só accedera a este lugar unha vez, no inverno, cando o recinto se podía identificar a través da acumulación da neve nos foxos, un “truco” que funciona nestas montañas asturianas para poder ver case o invisible, os rastros mínimos do campamento no territorio.

Acceder a Xuegu la Bola é unha experiencia impresionante na montaña. Seguindo o camiño real da Mesa, hai que cruzar a braña de Pedra Xueves, cunha antiga venda na que durmiu Gaspar Melchor de Jovellanos, e na que o ilustrado identificou a posible explicación do topónimo do lugar: un ara romana dedicada ao deus Júpiter, que no noroeste tantas veces aparece asociado ás altas montañas. O camiño leva ata o Xuegu la Bola, un espectacular miradoiro sobre a grandiosa sucesión de montañas de Somiedo e Teverga. Estamos nun dos campamentos romanos máis altos de toda Europa, e iso nótase.

“O xacemento é impresionante”, asegura José Costa, “unha cousa é velo sobre o papel e outro é estar aquí. É incrible que esta xente puidese chegar ata aquí”, expresa con admiración Costa. No Xuegu la Bola, unha especie de xigantesco cavorco, o campamento ocupa unha das ladeiras, subindo moi en pendente ata alcanzar un cordal que funciona como un enorme balcón no que se distingue ao final, o porto da Mesa. “Alí debera haber outro campamento”, comenta Andrés. O equipo buscouno pero aínda non aparece.

Costa reflexiona sobre como “sempre é necesario recoñecer en campo os xacementos. Aquí no Xuegu puidemos recoñecer sobre o campo case todo o perímetro pero confirmamos que dúas estruturas que no LIDAR parecíanos clavículas, as peculiares portas destes campamentos, en realidade eran afloramientos rochosos. Pero atopamos outras clavículas que non viramos desde as fotos satélite e os modelos previos”.

Un grupo de voitres sobrevoa os extremos deste impresionante lugar, os rebecos saltan polas rochas e os cabalos pastan tranquilos neste lugar afastado, no que a natureza presume de gigantismo. João Fonte, o especialista tecnolóxico do equipo, experimenta en carne propia os rigores da arqueoloxía de alta montaña. “Empregamos un sistema GPS para geolocalizar todos os puntos cunha precisión submétrica, pero o sistema necesita unha mínima conectividade móbil. Cando quixemos rexistrar a clavícula vimos que era case imposible obter os datos para cada un dos puntos”.

Agora comezamos a busca de evidencias. Poderemos confirmar que Xuegu la Bola foi tamén un campamento das lexións? Deixaranos o Xúpiter da braña saber a verdade sobre este lugar?

Caderno de campo, Historias

Día 3. As lexións aparecen

Tras tres días de investigación as nosas investigacións previas coas tecnoloxías de teledetección tiveron unha verificación directa sobre o terreo. Xa podemos avanzalo. Confirmamos presenza militar romana en Cueiru. “Recollemos en campo un conxunto de materiais de diversos tipos asociados ao tipo de material que se adoita localizar nun campamento temporal deste tipo”, afirma o arqueólogo José Manuel Costa.

Pendente dunha investigación máis exhaustiva e da limpeza detallada dos materiais, o noso equipo xa dispón de evidencias ao redor do tipo de ocupación que fixeron as lexións romanas neste lugar e xa se abren novas hipóteses sobre este xacemento. Hai que ter en conta que buscar evidencias nos campamentos temporais romanos é como buscar unha agulla nunha palleira. Estes recintos estaban habitados de maneira provisional por moi pouco tempo, polo que quedan rastros mínimos de ocupación. Así que o noso equipo en campo atopou a agulla.

A agulla máis ben é parte dun coitelo que “pola súa tipoloxía encaixaría neste período”, afirma José Manuel Costa, “xunto con varios vástagos e pezas de ferro que encaixan coas tipoloxías de chavellas das tendas de campaña” que son moi características destes campamentos de marcha. Outro conxunto de materiais están pendentes dunha restauración que permita determinar a súa función e forma.

Para David González, tamén en campo, “confirman a sospeita da importancia da vía da Mesa como ruta de penetración do exército durante a fase de conquista e control territorial desta área. Non é unha idea nova. Varios autores lévana sostendo desde mediados do século XX. Pero o importante é que nos últimos anos polo menos cinco espazos fortificados na Mesa potencian a forza desta idea?. David González sinala a relevancia historiográfica destes novos achados: “Cremos que a vía da Mesa ten a mesma importancia que outras máis coñecidas en Asturias, como a da Carisa”.

Dous episodios?
Tres días na montaña dan para moito. Unha clave é que, por moito que se estuden estes recintos militares desde o espazo, non é o mesmo que estudalos directamente sobre o terreo, percibir as condicións climáticas, a visibilidade e a disposición do terreo. “Xa percibiamos nas imaxes LIDAR que aquí había dous recintos”, afirma José Manuel Costa, “un deles axústase e cingue un cume desde a que controla a vía, pero agora estamos a pensar que houbo dous momentos de ocupación. Nunha segunda fase este campamento púidose ampliar e esténdese a outro cume que controla máis territorio e ten unha maior superficie de acampada e máis abrigada do vento”.

A arqueoloxía por agora non alcanza a saber por que en Cueiru puidéronse producir dous episodios de ocupación romana. Constatar esta hipótese requiriría unha intervención máis ampla, pero o horizonte está aberto. A ciencia está a descubrir o que non contan ?non sabemos por que- as crónicas dos vencedores. Pero aínda nos queda moito, moitísimo, por investigar aquí. Xa estamos a mirar no horizonte o Xuegu a Bóla, o noso próximo destino nestas montañas. Continuade connosco esta semana!

Para saber máis:

El Mouru y la presencia del ejército romano en la Mesa [descarga en PDF o noso artigo]

Caderno de campo, Historias

Día 2 na Mesa. A Guerra Eterna

A xornada de hoxe está a mostrar que detrás da apracible e bucólica visión destas montañas escóndese unha historia tormentosa de conflitos, batallas e guerras polo control dunha importante vía de acceso ao norte peninsular. Aínda que o xacemento de Cueiru (Teverga) reúne características dun establecemento lexionario temporal, o asunto xa parece moito máis complexo.

Despues de preparar a área do campamento para a súa investigación a través do establecemento da cuadrícula que vos contabamos onte, o equipo comezou a prospección sobre o terreo. E non tardaron en aparecer os primeiros materiais. E son materiais de guerra…pero de distintas épocas entre si. Aquí están os testemuños de conflitos sucedidos no tempo. Exércitos e soldados que levan escollendo este lugar estratéxico, controlando o paso da Mesa, para situarse e combater durante centos de anos.

Valentín Álvarez, arqueólogo especialista en arqueoloxía do conflito en idade moderna e contemporánea, fai unha primeira valoración dalgúns dos materiais exhumados, pendente dunha revisión máis profunda en laboratorio.


“Esta é unha vaina dunha arma larga de lume central, posiblemente da Guerra Civil”, identifica Álvarez. A arqueóloga Rebeca Branco-Rotea, especialista en fortificaciones modernas, tamén revisa o material desde Braga (Portugal) ao pouco da súa aparición e coincide: “A vaina, a priori, coincide co mesmo tipo de munición que puidemos documentar no castelo de San Felipe, no Ferrol, cando escavamos un foso no que sabiamos que se realizaron unha serie de fusilamentos durante a Guerra Civil. Naquel caso concreto esta munición estaba feita nunha fábrica sevillana entre o ano 1936 e 1938”.

No caso do segundo obxecto enviado polo equipo que se atopa na montaña, Valentín Álvarez identifícao como: “un proxectil esférico dun arma de fogo de avancarga, podería moverse entre os séculos XVIII e XIX. Obviamente non é fácil de interpretar. Poden ser de conflitos como a carlistada ou a francesada, ou simplemente poden ser de caza”.

O resultado polo momento é tan intrigante como fascinante. Desde Cueiru, o arqueólogo David González sinala a importancia da documentación previa antes de meterse en traballos de campo. O equipo coñece ben que a vía da Mesa foi obxecto de conflitos ao longo da Historia. “Pensemos na fortificación lineal de El Muru, aquí na Mesa. O equipo de Jorge Camiño conseguiu datar por radiocarbono a súa construción, e foi en época altomedieval, entre os séculos VII e VIII. Ademais, localizaron materiais arqueólogos relacionables con elementos militares medieval e por documentación pénsase que foi tamén usado na Guerra da Independencia para frear o avance das tropas francesas”.

A Mesa viviu batallas como a de Lutos, no ano 794 cando as tropas de Abd ao-Malik, que venceran aos francos o ano anterior, caeron emboscadas polo exército de Alfonso II nun lugar angosto, posiblemente na zona setentrional do camiño da Mesa. E tamén foi escenario de refregas durante a Guerra Civil.

Así que o equipo está a atopar o esperado. Un lugar no que, pola súa posición, sucedéronse guerras, combates e exércitos ao longo de polo menos dous mil anos. “É posible que se cadra algunha das estruturas que estamos a identificar correspóndanse con traballos dun exército non romano, ou que fosen reaproveitadas?”, especulan agora en voz alta os membros do equipo. “Claro que hai que ser cautos coas estruturas terreras”, apunta Rebeca Blanco-Rotea, “porque este tipo de estruturas están documentadas non só en época romana, senón tamén noutros momentos, como durante a construción de fortificaciones abaluartadas ou mesmo a Guerra da Independencia, aínda que creo que pola súa configuración as que vemos na Mesa é moi posible que sexan romanas”.

Ata o momento, os materiais atopados fálanos de moitas épocas, dunha sucesión de conflitos sucedidos no alto das montañas asturianas, pero as lexións aínda non apareceron. Pero isto aínda acaba de empezar. Veremos que depara o día. Sigan conectados porque mañá temos máis sorpresas.

Historias

Día 1 na Mesa: Deixando os ollos en Cueiru

Andrés Menéndez e João Fonte enfróntanse a un dos momentos máis difíciles dunha prospección arqueolóxica de campamentos romanos. Pasar do modelo dixital visto no LIDAR (limpo, sen vexetación, no que os relevos se resaltan) a identificar o mesmo en superficie, con vexetación, cambios de luz. Están en Cueiru, un posible castra aestiva -un campamento temporal- dunhas cinco hectáreas, que parece presentar tamén un recinto interior difíciles dunha prospección arqueolóxica de campamentos romanos. Pasar do modelo dixital visto no LIDAR (limáis pequeno e que controla un estreito paso da vía da Mesa.

“Do LIDAR ao que se ve no xacemento cambia moito”, afirma Andrés Menéndez, un dos directores da intervención. “Aquí as estruturas vense pouco porque o seu desnivel está moi estendido e é moi difícil distinguir sobre o terreo”.


Joao Fonte y Andrés Menéndez confeccionando a microtopografía do sitio arqueolóxico.

Así que o noso equipo tivo que madrugar moito para chegar ao xacemento coas primeiras luces da mañá. Cueiru atópase a bastantes quilómetros do primeiro núcleo habitado. Tiveron sorte. Coa luz rasante “ven as sombras dalgúns noiros moi claros e, desde en fronte, parte da linea defensiva occidental”.

O equipo está a poñer un especial esforzo en recoñecer sobre o terreo todo aquilo distinguible para poder topografiarlo. O arqueólogo João Fonte é o responsable de dividir o enorme xacemento nunha cuadrícula que permite realizar a prospección superficial do terreo e anotar con máxima precisión a localización de cada achado na súa posición 3D. A maiores, “estamos a tentar facer unha microtopografía das zonas máis visibles para comparar co LIDAR”, sinala Fonte, que indica que o obxectivo é empregar distintas técnicas de levantamento e medición para obter información aínda máis detallada en campo que a que ofrecen as tecnoloxías de teledetección.

“O recinto superior está bastante máis amolado”, afirma Andrés Menéndez, que se está deixando os ollos para identificar calquera mínima alteración do terreo. A partir da cuadrícula que levantaron el e João Fonte, o resto do equipo busca en superficie materiais que poidan informar sobre a cronoloxía do xacemento, ademais da súa estrutura. Xa teñen os primeiros resultados nas súas mans. O xacemento está a falar. Pero o que conte saberémolo mañá.