Día 3. As lexións aparecen

Tras tres días de investigación as nosas investigacións previas coas tecnoloxías de teledetección tiveron unha verificación directa sobre o terreo. Xa podemos avanzalo. Confirmamos presenza militar romana en Cueiru. “Recollemos en campo un conxunto de materiais de diversos tipos asociados ao tipo de material que se adoita localizar nun campamento temporal deste tipo”, afirma o arqueólogo José Manuel Costa.

Pendente dunha investigación máis exhaustiva e da limpeza detallada dos materiais, o noso equipo xa dispón de evidencias ao redor do tipo de ocupación que fixeron as lexións romanas neste lugar e xa se abren novas hipóteses sobre este xacemento. Hai que ter en conta que buscar evidencias nos campamentos temporais romanos é como buscar unha agulla nunha palleira. Estes recintos estaban habitados de maneira provisional por moi pouco tempo, polo que quedan rastros mínimos de ocupación. Así que o noso equipo en campo atopou a agulla.

A agulla máis ben é parte dun coitelo que “pola súa tipoloxía encaixaría neste período”, afirma José Manuel Costa, “xunto con varios vástagos e pezas de ferro que encaixan coas tipoloxías de chavellas das tendas de campaña” que son moi características destes campamentos de marcha. Outro conxunto de materiais están pendentes dunha restauración que permita determinar a súa función e forma.

Para David González, tamén en campo, “confirman a sospeita da importancia da vía da Mesa como ruta de penetración do exército durante a fase de conquista e control territorial desta área. Non é unha idea nova. Varios autores lévana sostendo desde mediados do século XX. Pero o importante é que nos últimos anos polo menos cinco espazos fortificados na Mesa potencian a forza desta idea?. David González sinala a relevancia historiográfica destes novos achados: “Cremos que a vía da Mesa ten a mesma importancia que outras máis coñecidas en Asturias, como a da Carisa”.

Dous episodios?
Tres días na montaña dan para moito. Unha clave é que, por moito que se estuden estes recintos militares desde o espazo, non é o mesmo que estudalos directamente sobre o terreo, percibir as condicións climáticas, a visibilidade e a disposición do terreo. “Xa percibiamos nas imaxes LIDAR que aquí había dous recintos”, afirma José Manuel Costa, “un deles axústase e cingue un cume desde a que controla a vía, pero agora estamos a pensar que houbo dous momentos de ocupación. Nunha segunda fase este campamento púidose ampliar e esténdese a outro cume que controla máis territorio e ten unha maior superficie de acampada e máis abrigada do vento”.

A arqueoloxía por agora non alcanza a saber por que en Cueiru puidéronse producir dous episodios de ocupación romana. Constatar esta hipótese requiriría unha intervención máis ampla, pero o horizonte está aberto. A ciencia está a descubrir o que non contan ?non sabemos por que- as crónicas dos vencedores. Pero aínda nos queda moito, moitísimo, por investigar aquí. Xa estamos a mirar no horizonte o Xuegu a Bóla, o noso próximo destino nestas montañas. Continuade connosco esta semana!

Para saber máis:

El Mouru y la presencia del ejército romano en la Mesa [descarga en PDF o noso artigo]

Día 2 na Mesa. A Guerra Eterna

A xornada de hoxe está a mostrar que detrás da apracible e bucólica visión destas montañas escóndese unha historia tormentosa de conflitos, batallas e guerras polo control dunha importante vía de acceso ao norte peninsular. Aínda que o xacemento de Cueiru (Teverga) reúne características dun establecemento lexionario temporal, o asunto xa parece moito máis complexo.

Despues de preparar a área do campamento para a súa investigación a través do establecemento da cuadrícula que vos contabamos onte, o equipo comezou a prospección sobre o terreo. E non tardaron en aparecer os primeiros materiais. E son materiais de guerra…pero de distintas épocas entre si. Aquí están os testemuños de conflitos sucedidos no tempo. Exércitos e soldados que levan escollendo este lugar estratéxico, controlando o paso da Mesa, para situarse e combater durante centos de anos.

Valentín Álvarez, arqueólogo especialista en arqueoloxía do conflito en idade moderna e contemporánea, fai unha primeira valoración dalgúns dos materiais exhumados, pendente dunha revisión máis profunda en laboratorio.


“Esta é unha vaina dunha arma larga de lume central, posiblemente da Guerra Civil”, identifica Álvarez. A arqueóloga Rebeca Branco-Rotea, especialista en fortificaciones modernas, tamén revisa o material desde Braga (Portugal) ao pouco da súa aparición e coincide: “A vaina, a priori, coincide co mesmo tipo de munición que puidemos documentar no castelo de San Felipe, no Ferrol, cando escavamos un foso no que sabiamos que se realizaron unha serie de fusilamentos durante a Guerra Civil. Naquel caso concreto esta munición estaba feita nunha fábrica sevillana entre o ano 1936 e 1938”.

No caso do segundo obxecto enviado polo equipo que se atopa na montaña, Valentín Álvarez identifícao como: “un proxectil esférico dun arma de fogo de avancarga, podería moverse entre os séculos XVIII e XIX. Obviamente non é fácil de interpretar. Poden ser de conflitos como a carlistada ou a francesada, ou simplemente poden ser de caza”.

O resultado polo momento é tan intrigante como fascinante. Desde Cueiru, o arqueólogo David González sinala a importancia da documentación previa antes de meterse en traballos de campo. O equipo coñece ben que a vía da Mesa foi obxecto de conflitos ao longo da Historia. “Pensemos na fortificación lineal de El Muru, aquí na Mesa. O equipo de Jorge Camiño conseguiu datar por radiocarbono a súa construción, e foi en época altomedieval, entre os séculos VII e VIII. Ademais, localizaron materiais arqueólogos relacionables con elementos militares medieval e por documentación pénsase que foi tamén usado na Guerra da Independencia para frear o avance das tropas francesas”.

A Mesa viviu batallas como a de Lutos, no ano 794 cando as tropas de Abd ao-Malik, que venceran aos francos o ano anterior, caeron emboscadas polo exército de Alfonso II nun lugar angosto, posiblemente na zona setentrional do camiño da Mesa. E tamén foi escenario de refregas durante a Guerra Civil.

Así que o equipo está a atopar o esperado. Un lugar no que, pola súa posición, sucedéronse guerras, combates e exércitos ao longo de polo menos dous mil anos. “É posible que se cadra algunha das estruturas que estamos a identificar correspóndanse con traballos dun exército non romano, ou que fosen reaproveitadas?”, especulan agora en voz alta os membros do equipo. “Claro que hai que ser cautos coas estruturas terreras”, apunta Rebeca Blanco-Rotea, “porque este tipo de estruturas están documentadas non só en época romana, senón tamén noutros momentos, como durante a construción de fortificaciones abaluartadas ou mesmo a Guerra da Independencia, aínda que creo que pola súa configuración as que vemos na Mesa é moi posible que sexan romanas”.

Ata o momento, os materiais atopados fálanos de moitas épocas, dunha sucesión de conflitos sucedidos no alto das montañas asturianas, pero as lexións aínda non apareceron. Pero isto aínda acaba de empezar. Veremos que depara o día. Sigan conectados porque mañá temos máis sorpresas.

Romanarmy en acción: investigamos dous posibles campamentos en La Mesa

• Trátase dos recintos de El Xuegu la Bola (Arvechales, Somiedo) y Cueiru (Taxa, Teverga), ubicados a 1700 e a 1440 metros de altitude, sendo os sitios arqueolóxicos militares romanos a máis altitud da Mesa.
• No proxecto interveñen arqueólogos de diferentes institucións científicas españolas e europeas vinculados ao grupo romanarmy.eu
• A difusión dos achados farase en tempo real a través das redes sociais, nun experimento de divulgación científica

Comprobar a cronoloxía e a adscrición romana de dous importantes recintos militares da vía da Mesa, un dos principais itinerarios de entrada a Asturias desde hai miles de anos, é o principal obxectivo da campaña de prospección que se inicia este domingo e durará ata o luns 10 de outubro. Un equipo científico conformado por arqueólogos do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, das Universidades de Oviedo e Santiago de Compostela, así como das universidades de Durham e Exeter (Reino Unido) e Amsterdam (Holanda) atópase xa sobre o terreo realizando as tarefas de prospección arqueolóxica. A dirección do proxecto é levada a cabo polos arqueólogos Andrés Menéndez Branco, José Manuel Costa e David González.

Divulgación en tempo real
Unha das principais novidades da campaña arqueolóxica é a vontade de difusión e retransmisión en tempo real dos traballos arqueolóxicos, aproximando desta maneira a metodoloxía e a práctica científica aos cidadáns. A comunicación realizarase nas redes sociais, no facebook de Roman Army (www.facebook.com/romanarmynw) e na web corporativa do grupo: www.romanarmy.eu e facilitará a todos os interesados seguir os avances en canto ao recoñecemento dos xacementos e á súa interpretación. A través de formatos didácticos, ensaiaranse novos procedementos e estratexias de comunicación científica dirixida ao público xeral.

Continue Reading