Aires do Báltico: 22nd Annual Meeting of the EAA

imagen_1

Vilnius foi a cidade escollida pola European Association of Archaeologists (EAA) para celebrar a súa reunión anual deste ano 2016. Unhas 1600 persoas déronse cita na capital lituana na que se consolidou xa como a cita periódica máis importante para a investigación arqueolóxica europea.

imagen_2
Apertura do Meeting no Palacio dos Grandes Duques de Lituania.

O noso grupo de investigación estivo presente a través dos compañeiros José M. Costa García (Universidade de Santiago de Compostela/VU University Amsterdam) e David González Álvarez (Instituto de Ciencias del Patrimonio-CSIC/Durham University) e cunha comunicación firmada por todo o equipo presentada na sesión “New Knowledge About Past Societies Through the Use of Advanced Remote Sensing Techniques”. Este panel, organizado por Ole Risbøl (Norwegian Institute for Cultural Heritage Research), Lars Gustavsen (Norwegian Institute for Cultural Heritage Research) e Hanna Stöger (Leiden University), pretendía explorar as potencialidades dos métodos de teledetección na investigación arqueolóxica de diferentes cronoloxías e rexións. Con este obxectivo, e co ánimo de continuar difundindo os resultados e a aprendizaxe colectiva do noso proxecto, contribuímos á sesión coa presentación “Airborne LiDAR data for the study of Roman military presence in NW Iberia”.

portada_eaa2016_lidar
Portada da presentación mostrada na sesión.

Como xa comentamos noutras ocasións, os establecementos temporais do exército romano están normalmente caracterizados pola natureza feble das súas estruturas. Ademais, a súa ocupación episódica fai que sexan poucos os materiais arqueolóxicos que revelen a súa ocupación. Por iso, estes sitios son practicamente invisibles sobre o terreo ou, polo menos, érano ata a extensión das técnicas de teledetección en investigación arqueolóxica. Estas ferramentas –como a fotografía aérea- foron fundamentais para propulsar a Arqueoloxía militar romana na península ibérica na última década do século XX. Pero nos últimos anos, novos recursos atópanse ao noso alcance, o que nos permite profundizar no estudo da presenza militar romana no noroeste ibérico. Sobre estas ferramentas –entre as que destaca o emprego de datos LiDAR- versou a nosa comunicación na reunión anual da EAA, examinándose os límites e potencialidades dos métodos usados polo noso grupo de investigación. Sobre esta base, a nova tarefa á que nos enfrontamos é o desenvolvemento de modelo preditivos que sirvan para localizar novos campamentos romano, e a das nosas investigacións cara o estudo contextual destes enclaves.

img_20160903_104056
Jose Costa durante a presentación.

Resta aínda moito traballo por diante, e de Vilnius regresamos con boas ideas e novas preguntas. Confiamos en que nos acompañes nesta viaxe, na que pronto iremos encaixando novas pezas.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*