Historias

Este luns 20 de agosto comezará a intervención arqueolóxica no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense). A intervención ten por obxectivo documentar e estudar pormenorizadamente o que é un dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular, realizarase do 20 ao 26 de agosto. Está dirixido por João Fonte, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, e nel participarán outros arqueólogos e investigadores do colectivo científico romanarmy, unha singular iniciativa de ciencia e divulgación que ten por obxectivos investigar a presenza militar romana no noroeste peninsular. No caso de Penedo dos Lobos, o obxectivo é entender o encaixe deste singular recinto no proceso de conquista e control do noroeste peninsular por parte do Imperio Romano. A campaña está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e o Grupo de Investigación Síncrisis, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

A campaña realizará unha particular énfase na comunicación do traballo e dos resultados das intervencións. Todos os días entre o 20 e o 25, as 12 da mañá, os arqueólogos realizarán unha transmisión en vídeo en directo, a través de Facebook Live, contando as novidades do día (www.facebook.com/romanarmynw).

Ademais, o sábado 25 de agosto realizaranse actividades gratuítas abertas ao público. Ás 12 da mañá realizarase unha visita guiada ao campamento. O punto de xuntanza é na estación de esquí de Manzaneda. E, pola tarde, ás 19 horas, o salón de actos do concello de Manzaneda acollerá unha charla, tamén de acceso aberto a todo o público interesado, sobre a intervención arqueolóxica a cargo de João Fonte e José Manuel Costa García.

Caderno de campo, Sitios

Penedo dos Lobos: próximo obxectivo de investigación

O verán de romanarmy é un non parar! Entre o 20 e o 26 de agosto estaremos traballando nun dos recintos militares máis interesantes aparecidos nos últimos anos: Penedo dos Lobos, no concello de Manzaneda. O noso compañeiro e investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC João Fonte, dirixirá o equipo que investigará entre o 20 e o 26 de agosto de 2018 un dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular. O obxectivo é estudar en detalle a morfoloxía do xacemento e o seu encaixe no proceso de conquista e control do noroeste peninsular por parte do Imperio Romano. A campaña está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e o Grupo de Investigación Síncrisis, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Continue Reading

Historias

Mentras João explora a conquista romana na Dacia, Rebeca escava fortificacións modernas no Norte de Portugal, e Jesús e Jose investigan o castro burgalés de Cerro Castarreño en Olmillos de Sasamón, os nosos compañeiros David González Álvarez e Valentín Álvarez Martínez atópanse realizando traballo de campo nas montañas de Babia (León), xunto ao arqueólogo Jorge Canosa Betés e estudantes de Arqueoloxía da Universidad Complutense de Madrid e da Durham University (Reino Unido).

Continue Reading

Caderno de campo, Historias

Os montes de Orăştie (Foto: Dr. Ioana Oltean)

Neste momento, atópome facendo traballo de campo en Romanía, como parte dun proxecto no que colaboran as universidades de Exeter (Reino unido) con la Dr. Ioana Oltean e Babeş-Bolyai (Cluj-Napoca, Rumanía) co profesor Dr. Gelu A. Florea. ). Relaciónase tamén  co meu proxecto de posdoutoramento para a comparación de paisaxes consideradas “marxinais” desde o punto de vista da romanización.

Continue Reading

Caderno de campo, Historias

Volvemos ás terras do Odra- Pisuerga. Como lembraredes, en agosto de 2017 exploramos as estruturas militares romanas situadas na comarca de  Sasamón (Burgos), baixo a impresionante presenza do Cerro  Castarreño. No seu cumio existe un  oppidum –gran castro- que o noso compañeiro Jesús García comezou prospectar en 2008 con motivo da súa tese doutoral, recuperándose numerosos materiais da Segunda Idade do Ferro. Aquí, as fotografías aéreas tomadas en 2011 e 2012, a prospección xeofísica de 2017 e un novo vóo con dron en 2018 mostran a presenza de anomalías que poderían corresponderse cun foso e un muro de pedra. Esta posible  fortificación garda un enorme interese para nós, pois esta comarca xogaría un importante rol nas primeiras fases das Guerras Astur-cántabras (29-19 a. C.), tal e como diversos autores clásicos expresan nos seus escritos. Por tanto, interésanos coñecer a secuencia de ocupación e abandono deste castro pre-romano (seguramente a Segisama dos Turmogos) no contexto da presenza militar romana testemuñada nos campamentos da zona.

Continue Reading

Caderno de campo, Historias

O traballo de laboratorio de romanarmy.eu non é só arqueolóxico! Seguimos procesando datos sobre a nosa intervención no campamento romano de A Penaparda (A Fonsagrada). Xa sabedes que no noso colectivo non só tratamos de innovar con tecnoloxías para localizar sitios arqueolóxicos, senón tamén no propio proceso de comunicación.

Aquí vos presentamos o noso primeiro vídeo en 360º, no que ti estás no centro da nosa experiencia arqueolóxica. É un experimento audiovisual que te leva ao noso traballo na Fonsagrada, seguindo o camiño do equipo desde o bar no que almorzamos ata o coche no que marchamos do sitio arqueolóxico. Pódesnos ver interpretando as sondaxes, e tamén as estruturas que se distinguían sobre o terreo.

Tentamos tirar proveito dalgunhas das posibilidades da tecnoloxía de gravación en 360º e ver como nos poden axudar a contar mellor a práctica da arqueoloxía. Aínda é un experimento, no que debemos mellorar moitas cousas, pero é posiblemente é das primeiras experiencias en España (que nós saibamos) en empregar esta técnica para contar historias de traballo de campo en arqueoloxía. E xa vos adiantamos que non será a última.

Como velo?

Pois de moitas maneiras. A mellor é co móbil, unhas gafas de realidade virtual e uns auriculares. Esa é a maneira de estardes máis preto de nós no vídeo. 😉 Pero tamén co móbil, se o moves ao teu redor, poderás experimentar tamén a dimensión espacial.

Historias, Publicacións, Sitios

Ven de publicarse na revista científica Gallaecia. Revista de arqueoloxía e antigüidade, editada polo Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, a descuberta de catro novos campamentos romanos localizados nas provincias de Lugo e Ourense. Estes sitios confirman unha activa presenza militar romana no territorio da actual Galicia e o seu achado permite afondar no proceso de conquista por Roma destes territorios. Desde 2011, cando se deu a coñecer a existencia de A Recacha (Navia de Suarna), ata 17 novos asentamentos militares foron documentados –total ou parcialmente- en Galicia, estando algúns deles aínda na fase de estudo previa á súa publicación. A eles habería que engadir os fortes altoimperiais de A Cidadela (Sobrado dos Monxes, A Coruña) e Bande (Ourense).

O recinto de Penedo dos Lobos.

Continue Reading

Historias

Non deixo de ollar unha das fotografías tomadas co dron o sábado pola mañá. Esa mesma que tivestes ocasión de ver estes días colgada no facebook e que tan boa acollida recibiu. Non podo quitarlle o ollo porque me fai viaxar. Volvo aos meus anos de estudante, cando percorría as páxinas dos libros de St Joseph, Swan, Davies, Breeze, Birley e moitos outros autores británicos, plagadas de ilustracións nas que a luz rasante realzaba os parapeitos de campamentos ben feitiños sobre verdes campos. Pensaba, entón, se algún día sería posible atopar algo así en Galicia. Sabemos agora que si. E isto está ben lonxe de ter rematado.

Continue Reading

Historias

Un dos obxectivos científicos da intervención no campamento romano de A Penaparda é verificar unha hipótese de traballo: a dunha posible liña de avance dun continxente militar romano nas montañas da fronteira entre Galicia e Asturias (aínda que non sabemos en que dirección ou con que obxectivos exactos se desprazaban, ou cando). Catro sitios localizados nos últimos anos polo noso equipo formarían parte desta liña, e podedes velos aquí:

Son A Penaparda, que xa coñecedes destes días, e estes outros tres:

Pico El Outeiro:

A Pedra Dereta:


Chao de Carrubeiro:

Caderno de campo

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2017. Arqueólogos de diferentes universidades europeas reunidos no colectivo romanarmy.eu investigarán na primeira semana de outubro un campamento romano de grandes dimensións localizado no concello da Fonsagrada (Lugo) e descoñecido ata o seu descubrimento a finais de 2015. O campamento, localizado nunha zona denominada A Pena Parda, atópase a 865 metros de altitude e ocupa máis de 10 hectáreas de terreo, o equivalente a máis de doce campos de fútbol. É un dos máis grandes localizados ata o momento en territorio galego, aínda que parte do recinto penetra no concello asturiano de Santa Eulalia de Oscos. O proxecto, promovido polo concello da Fonsagrada e financiado pola Deputación Provincial de Lugo, desenvólvese ao abeiro científico do grupo de investigación Síncrisis do Departamento de Historia da Universidade de Santiago coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.

Parte dunha liña de avance lexionaria
Segundo os investigadores, o campamento de A Penaparda ten as dimensións suficientes para albergar a unha lexión completa, con máis de cinco mil soldados, e a investigación parte da hipótese de que se poida tratar dun asentamento militar temporal de época romana altoimperial, entre os séculos I a.C. e III d.C. A fortificación, que se se atopa moi degradada sobre o terreo e que só puido ser localizada a partir do estudo da fotografía aérea e especialmente grazas á tecnoloxía LiDAR, conserva aínda as características portas en clavícula que definen os campamentos de marcha das lexións.

Os arqueólogos consideran que A Penaparda pode ser una evidencia dunha liña de avance a través das montañas da zona fronteiriza actual entre Galicia e Asturias dun numeroso continxente militar romano. O obxectivo da campaña arqueolóxica será tentar obter datos que permitan afinar a cronoloxía da fortificación. Un primeiro estudo aparecerá sobre A Penaparda e outros novos campamentos romanos en Galicia aparecerán en breve na revista académica Gallaecia, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Unha nova visión da conquista romana do noroeste peninsular
O colectivo de investigación romanarmy.eu reúne a un conxunto de arqueólogos profesionais, investigadores e profesores universitarios das universidades de Santiago de Compostela, Oviedo, Braga (Portugal), Durham, Exeter, Edinburgo (Reino Unido) ou Leiden (Holanda) que estudan a presenza do exército romano no noroeste da península ibérica, poñendo énfase nos episodios de conquista e invasión que remataron co dominio romano efectivo de toda Hispania nos tempos do emperador Octavio Augusto. Nos últimos anos, o colectivo está a localizar numerosos campamentos romanos, ata agora inéditos, no territorio da antiga Gallaecia, ofrecendo unha nova visión sobre a presenza das lexións romanas neste territorio. Durante moito tempo considerouse que a zona da actual Galicia ficara allea ás campañas militares da conquista romana, que se terían desenvolvido case exclusivamente en Asturias, León e Cantabria.

Actividades de difusión
Entre as actividades de difusión que se levarán a cabo se realizarán todos os días transmisións en directo a través de Facebook Live de romanarmy.eu e se realizarán experimentos de comunicación, como a realización dun pequeno documental experimental filmado en 360º para ser visualizado con gafas de realidade virtual ao redor da experiencia de investigación arqueolóxica. A información pode ser consultada no sitio web do colectivo: www.romanarmy.eu.

Ademais, realizarase unha charla explicativa para os veciños o venres 6 de outubro pola tarde ás 19 horas no Salón de Actos dos Chaos e unha visita guiada o sábado 7 de outubro pola mañá, ás 11, partindo da igrexa de San Cibrán da Trapa.