Unha nova visión da presenza militar romana no NW de Hispania

Neste mapa podes ver a nosa proposta sobre a presenza do exército romano no NW de Hispania en 2015. Xunto a sitios xa investigados e publicados previamente, engadimos dezasete novas localizacións que amosan unha presenza máis densa dos continxentes militares romanos, posibles novas liñas de avance en Asturias e as primeiras aparicións de posibles campamentos de marcha no territorio da Galicia actual.

Un teatro de operacións no occidente astur durante as Guerras Cántabras

A nosa investigación amosa unha especial concentración de campamentos militares no occidente asturiano,seguindo os mesmos patróns de emprazamento que nos escenarios localizados en Cantabria e no oriente asturiano. Aínda que a bibliografía e as fontes históricas son moi parcas á hora de falar de escenarios bélicos nesta zona do occidente asturiano, as evidencias parecen indicar a existencia dunha vía de penetración que pode estar asociada ás Guerras Cántabras e á postguerra posterior.

Continue Reading

Unha vía de penetración do exército romano ao territorio galego

Detectamos unha potencial vía de penetración das lexións romanas no territorio da actual Galicia. Isto é historiograficamente moi relevante, porque os campamentos romanos escavados ata o momento en Galicia corresponden a fases posteriores ao escenario de conquista do noroeste. Nesta vía de penetración podemos identificar cinco campamentos, dos cales catro están na Galicia actual.

O primeiro dos campamentos é Valboa, no Bierzo, moi próximo a Villafranca, sobre a vía tradicional de acceso a Galicia.

Unha posible base loxística romana en Sarria

Como se ten detectado noutros puntos da Península, o exército romano podía empregar de forma reiterada un espazo en diferentes campañas ou acoller máis dun campamento, se ese lugar encaixaba no seu escenario táctico. A Chá de Santa Marta, entre Láncara e Sarria, constitúe un conxunto arqueolóxico único en Galicia, con alomenos tres posibles campamentos romanos no punto de saída das montañas orientais de Galicia. Puido ter funcionado como base loxística e de agrupación de tropas.

Os tres campamentos de A Chá de Santa Marta na foto aérea de 1956

Afrontando o cruce do río Miño

O campamento de Monte dos Trollos (O Páramo, Lugo) está ubicado nunha posición estratéxica, no alto dunha lomba, e xusto nas proximidades dun vado natural do río Miño. A súa distancia con respecto a A Chá de Santa Marta é exactamente a un día de camiño.

A incógnita occidental: dous novos campamentos sobre a Depresión Meridiana

Dous novos campamentos romanos foron identificados na área occidental de Galicia, e ambos os dous están moi próximos á Depresión Meridiana, a tradicional vía de comunicación da costa galega.


O campamento de Cornado (Negreira) dímolo a coñecer hai uns anos. É o campamento máis occidental, ata o momento, do continente europeo.

Un campamento na ribeira do río Miño

Na ribeira do Miño (Vilanova de Cerveira, Portugal) foi identificado o campamento romano de Campos. Ten grandes dimensións, desgrazadamente destruído na actualidade por un polígono industrial.

A aparente desconexión (ata o momento) entre Cornado, Campos e o resto dos campamentos fai máis difícil o seu encadre cronolóxico e a súa función. A súa datación pode ir desde momentos tardorrepublicanos ata o Imperio, pero revelan unha presenza moi temprana do Exército romano na costa occidental galega.